«Escollín unha poesía intimista amorosa na que a muller é un complemento existencial»
TELEVISIÓN
Salvador García-Bodaño Zunzunegui, escritor e académico Ten un apelido composto que o despista nas enciclopedias e diccionarios de literatura: Salvador García-Bodaño Zunzunegui (Vigo, 1935). Este poeta bregado nos anos escuros do franquismo agroma nos emblemáticos certames literarios universitarios de mediados dos 50, as Festas Minervais que reúnen a unha xeración poética tan singular como anovadora. A longa e densa traxectoria literaria de Salvador García-Bodaño nos eidos da lírica, a narrativa e o xornalismo é parella a seu activismo cultural e político, que se non decaeu é menos subversivo, pero tanto ou máis corrosivo. E segue «Ao pé de cada hora», coma no seu primeiro poemario.
02 jul 2002 . Actualizado a las 07:00 h.Salvador García-Bodaño é tan compostelán como a catedral, aínda que naceu vigués. En Compostela vive desde os catro meses, e nesta cidade desenvolveu a súa afervoada vitalidade literaria e persoal. Este home, que frustrou o soño paterno de ser avogado cando estaba a piques de se licenciar, e que se gañou a vida en diferentes frontes do mundo da empresa e do comercio, encheu a súa vida dos soños que agroman da palabra poética. -¿O seu poemario, «Ao pé de cada hora», rachou moldes porque era poesía amorosa? -Creo que porque era rupturista. Propúxenme romper coas barreiras da poesía tradicional, que foi algo habitual na miña xeración, a dos 50, na que a característica común foi romper co formalismo da tradición, abrirse á universalidade, facer cousas novas. No había unha estética común, e cada un foi polo seu lado, abriu camiños distintos. Eu escollín o dunha poesía intimista de signo amoroso, na que a muller tomaba un papel importantísimo na existencia, un complemento existencial do home como ser humano. Non fun dos que se deixou angustiar polo seu eu dramático. Hai un fondo dese tempo, pero non caín duramente no que se chamou escola da terra. -Refírese á xeración das Festas Minervais. -Si, unha xeración que confirmou a súa gran enerxía creadora. Unha maioría deles acadou cimas importantes, como Ferrín, Arcadio López Casanova, Bernardino Graña... Son grandes realidades sen as que non se explicaría a literatura galega contemporánea. E entendo que a dita xeración pertenecen únicamente aqueles poetas que participamos nas Festas Minervais, porque hai algúns estudiosos que inclúen nesa xeración a xente que non participou. -Pero que eran coetáneos. -Eran coetáneos, como a xeración do Abrente, á que pertenecen Avilés de Taramancos, Novoneyra, Manuel María..., que sendo daquel tempo non estaban nos círculos universitarios.