Máis de oitenta mil nenos participaron na campaña «Entre nós, en galego»

La Voz LA VOZ | SANTIAGO

TELEVISIÓN

SANDRA ALONSO

Este certame pretende consolidar o proceso de normalización lingüística na comunidade Entregáronse un total de 872 premios, cun importe de 157.660 euros

13 jun 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

? campaña Entre nós, en galego , reuniu durante este curso a un total de 85.000 escolares de toda Galicia. Nenos de tódalas etapas educativas participaron cos seus poemas, relatos, obras de teatro e mesmo lemas de publicidade, nun concurso promovido pola Consellería de Educación que pretende contribuir á normalización lingüística, e a mellorar a valoración do galego como mecanismo de expresión literaria e coloquial. A modalidade que rexistrou máis participación foi precisamente a de publicidade, á que se presentaron preto de 25.000 traballos diferentes de estudiantes de tódalas idades. Bótao a falar Entre eles, algúns tan orixinais como os cinco primeiros premios: Que che medren os dentes... co galego , de Andrea Rivero, unha nena de primeiro ciclo de primaria; Galego. Bótao a falar , de Cristina Teijeira; Vexo unha estrela polo ceo. En galego pido o meu desexo , de Patricia Suárez; En galego para que me entendas , de María Serrano e Fai que a semente do galego prenda no asfalto , presantado por Rocío Santín. O encargado de entregar todos estes premios foi o presidente da Xunta, Manuel Fraga, quen destacou que o certame pretende que o galego «entre en tódalas casas e escolas do noso país». En total repartíronse 872 galardóns, cun importe de 157.660 euros. Ademais da enorme participación dos colexios galegos, nesta campaña destacou tamén a colaboración de centros de ensino da comunidade de Castela e León. Relatos Outra das categorías englobadas nos certames foi a de relato curto, na que resultaron gañadores José Manuel Cao, do IES de Arzúa, coa historia O último café , e Paola Acuña Pérez, do IES Val Miñor de Nigrán, co título Glastombury . Máis de nove mil rapaces enviaron os seus relatos nesta modalidade, a segunda que acadou unha maior participación. En poesía, os gañadores do primeiro premio foron Mónica Fernández Armesto, cun poema titulado Un verso ignorado nesta noite de ouveos e negro sangue ; e Rocío Alonso Cañadas, coa obra O serán . O CPI Alfonso VII, de Caldas de Reis, e o IES Laboral de Ourense acadaron os premios no certame de teatro e mesmo dous centros de León recibiron galardóns especiais. A festa do galego entre os escolares celebrada onte en Santiago, e na que tamén estivo o conselleiro de Educación, o secretario xeral desta consellería e o director xeral de Política Lingüística, rematou cos premiados nas modalidades de revistas escolares, recitado de poemas, contacontos, e mesmo de música, unha das novidades na convocatoria deste ano.