INTERFERENCIAS | O |
24 jul 2003 . Actualizado a las 07:00 h.A MEMORIA ten estas cousas. Foise Fernando García Tola e de súpeto lembramos que foi un fenómeno da televisión, un furacán de vento fresco que irrompeu no medio para darlle volta e volta como ás tortillas de patacas. Onte e antonte, puidemos recuperar breves secuencias de Si yo fuera presidente ou de Encantados de conocerte , que na década dos oitenta do século pasado (qué tremendo soa...) acadaron sona e gloria na TVE. Claro, daquela a tele era outra cousa, non había privadas e os directivos non andaban como agora, entregados á Deusa Audiencia, e en consecuencia cuspindo lixo a esgalla desde as súas grelas. Confeso que tamén esquecera a García Tola ata que a morte nos refregou a lembranza. E tal a distancia que separa a este comunicador fresco, renovador e transgresor, dos que agora se consideran sumos sacerdotes da relixión catódica, que non podes evitar a risa ó tempo que unha inmensa sensación de pena. Daquela ninguén era intocable na tele sempre que fose respectando a liña dos dereitos persoais. Daquela non había Dinios nin Yolas nin rabodegaita... Daquela había xente con ideas e directivos dispostos a aceptalas. De non ser pola memoria histórica, García Tola semellaría de Marte (e vai sen segundas...). Case paga a pena que reemitan os seus programas. Alomenos respectaban a intelixencia.