Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

A Real Filharmonía elixe a Brahms para abrir temporada de Santiago

Concha Pino SANTIAGO

TELEVISIÓN

22 oct 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

A Real Filharmonía de Galicia inaugura esta noite a temporada musical do Auditorio de Santiago cun concerto dedicado a Brahms, no que levará a batuta o seu director titular, Antoni Ros Marbá. A Filharmonía, que está xestionada polo Consorcio da Cidade de Santiago, é a columna vertebral da programación de abono ordinaria do centro cultural do Concello compostelá, con 19 dos 27 concertos que están previstos ate xuño do 2004. O mestre Ros Marbá é o artífice dun programa variado en oferta pero medido en contidos case tématicos e na selección de orquestras, directores e solistas convidados. A Orquestra Sinfónica de Galicia volverá ó Auditorio con tres concertos: o 20 de novembro con Víctor Pablo coa batuta e a soprano Jennifer Larmore; o 26 de febreiro para interpretar a César Frank dirixida por Kantorow; e o 20 de xuño, na clausura, dirixida por Alberto Zedda, coa a ópera en versión concerto La donna del lago , de Rossini, en coproducción co Festival Mozart da Coruña. A Real Filharmonía ten en cartel programas singulares coma o do 5 de febreiro, dirixido por Melanie Thiebaut, dúas solistas e obras de Mariana Martínez, Clara Schumann, Sofía Gubaidulina e Zulema de la Cruz; o Egmond de Beethoven, o 29 de marzo, coa soprano Laura Alonso e Luis Tosar de narrador; o que lle dedica a Gluck o 10 de xuño, acompañada polo Cor de Cambra del Palau; ou o que dirixe Christopher Hogwood o 6 de novembro, con obras de Haydn e Martinu. A música barroca ten fixadas citas relevantes con formacións coma I Fagiolini, Ars Combinatoria e Il Giordano Armónico, e con solistas coma o violinista e violista Julian Rachlin. Na liña das dúas anteriores temporadas, a Filharmonía vai estrear unha obra encargada a un compositor galego. Esta vez é un Concerto para violín de Manuel Balboa.