Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

María do Cebreiro gaña o segundo Premio de Poesía Caixanova

TELEVISIÓN

ÁLVARO BALLESTEROS

O galardón ten a maior dotación económica do panorama lírico galego «Non queres que o poema te coñeza» será publicado na colección Arte de Trobar

19 dic 2003 . Actualizado a las 06:00 h.

A obra Non queres que o poema te coñeza , da escritora compostelá María do Cebreiro, resultou gañadora da segunda edición do Premio de Poesía Caixanova. O xurado, composto por escritores e críticos, tivo que se decidir entre os 76 traballos presentados. O primeiro gañador do premio, Xabier Seoane, aportou algunhas das reflexións que decidiron os membros do xurado a concederlle a María do Cebreiro o premio poético mellor dotado de Galicia. «É un libro que demostra que o seu autor ten unha moi depurada técnica literaria», sinalou Seoane. «Traballa moi ben o ritmo dos textos e é unha poética contida, como se se expresase cara adentro», engadiu o primeiro gañador do certame, que aínda afirmou: «Está marcada por un extraordinario rigor no dicir e reflexiona sobre a problemática do noso tempo con certo dramatismo contido, interiorizado e, nalgúns momentos, cun relativo hermetismo poético». O galardón ten unha vertente económica, cuantificada en 10.000 euros (é o premio poético galego cunha maior dotación económica), e unha bibliográfica, xa que o traballo vai ser publicado dentro da colección de poesía Arte de Trobar, que publica Caixanova en colaboración co PEN Clube de Galicia. Composición do xurado O xurado estivo conformado por Luís González Tosar, presidente del PEN Clube; Gonzalo Navaza, escritor e profesor universitario; Teresa Seara, crítica literaria e filóloga; Marilar Aleixandre, escritora e profesora universitaria, e Xabier Seoane, poeta, crítico e primeiro gañador do premio.