
Análise | O decálogo dos cambios da normativa As poucas modificacións que se incorporan nas normas da lingua galega, lonxe de restrinxir o idioma, flexibilízano permitindo a convivencia de distintas formas
27 dic 2003 . Actualizado a las 06:00 h.A Real Academia Galega editou as modificacións das Normas ortográficas e morfolóxicas da lingua, que en liñas xerais consisten nunha pequena ampliación das existentes. Os principais cambios afectan sobre todo á morfoloxía, engádense algunhas variacións na ortografía e poucas, pero significativas, no léxico (vogal por vocal; estudo por estudio; puberdade por pubertade, etcétera). O galego renóvase dende a tradición e recupera voces patrimoniais en busca da simplicidade e da unidade lingüística. Estas son as modificacións máis salientables: 1 A contracción de «a» máis o artigo determinado A representación do encontro da preposición a co artigo determinado masculino resólvese nun aparente equilibrio de formas: tanto ao como ó (e os seus respectivos plurais: aos e ós) son correctas. Nas normas ata agora vixentes recomendábase o emprego de ó, máis fiel á fala. Na actualidade enténdese que, se ben predomina e é obrigatoria a pronuncia ó, a forma ao está documentada historicamente na escrita e moi arraigada hoxe en día. Na redacción do texto emprégase ao. 2 A formación do feminino: catalán, catalá... A nova normativa, nun intento unificador, acomoda ó esquema tradicional de formación do feminino (án/á) aquelas palabras que o construían co sufixo -ana (catalán, catalana; afgán, afgana...). Este cambio afecta as formas: alemán, barregán, capitán, afgán, catalán, bosquimán, alazán, ermitán, escribán, gardián, musulmán, rufián, sanscristán, sultán e truán. Só as formas pexorativas e aumentativas conservan a terminación -ana: bocalán, bocalana. Simplifícanse, así mesmo, as posibilidades de formación do feminino das palabras rematadas en -ón. Na nova normativa aplícase o esquema -ón/-oa (león, leoa; anfitrión, anfitrioa...), agás nos aumentativos e formas pexorativas: abusón, abusona. 3 Os sufixos -ería, -aría: libraría, librería... Nas normas actuais dáse preferencia a forma tradicional -aría (libraría) ?excepto nalgúns galicismos?, aínda que non son incorrectas as palabras rematadas en -ería (librería). Xa que logo, conviven na lingua as dúas formas, pero recupérase e dáse prioridade ó sufixo autóctono: consellaría. 4 Os sufixos -ble e -bel Ata o momento dábaselle prevalencia á terminación -ble (posible, terrible...), aínda que -bel (posíbel, terríbel...) tamén estaba aceptada. No novo texto ambos sufixos adquiren a mesma validez. 5 Os demostrativos neutros: isto , iso, aquilo Nas normas anteriores convivían os demostrativos esto, eso, aquelo e isto, iso, aquilo, pero recomendábanse as formas con i. Na normativa actual desaparecen as primeiras nun afán simplificador que responde ao uso extensivo das formas con i, especialmente na escrita. 6 Os grupos cultos -ct e -cc: conflito, condución... O galego adoita simplificar ou vocalizar a primeira consoante dos grupos cultos (-ct-, -cc-). A nova proposta recolle esta tendencia patrimonial. Adóptanse como únicas formas correctas as palabras reitor, reitoral, reitoría e seita, aínda que se escribirá sectario e sectarismo. Suprímese a primeira consoante destes grupos ante as vocais i ou u: condución, conflito... Exceptúanse aquelas palabras cultas de escasa frecuencia (deíctico, dúctil...). 7 A segunda forma do artigo: comer o caldo Considérase obrigatorio o uso da forma do artigo lo só coa preposición por (polo, pola...) e o adverbio u (u-lo libro?). No resto dos casos a representación gráfica é facultativa. No texto das Normas só se utiliza nos casos en que é obrigado. Son, pois, opcionais na escrita: tras a casa, trala casa; comer o caldo, come-lo caldo; todos os días, tódolos días; ambas as dúas, ámbalas dúas; nós os dous, nó-los dous, etcétera. 8 Palabras rematadas no sufixo -zo, -za: espazo, presenza... Na nova normativa amplíase o grupo de palabras que teñen a terminación patrimonial -zo, -za, das que existía unha exhaustiva documentación histórica xa desde os escritos medievais. Recupéranse as formas esenciais e tradicionais do idioma: diferenza, espazo, estanza (?estrofa?), graza, licenza, nacenza, novizo, perseveranza, presenza, querenza, sentenza, servizo e terzo. 9 Cambios na acentuación Un dos cambios ortográficos máis salientables que se incorporan na lingua é a acentuación esdrúxula da primeira e segunda persoas do plural no pretérito imperfecto de subxuntivo. Escribirase, entón, andásemos e andásedes e non *andasemos e *andasedes. No que respecta ao acento, deixa de ser obrigatoria a súa representación gráfica nos adverbios e pronomes interrogativos e exclamativos cando introducen unha oración interrogativa ou exclamativa indirecta. Só se poñerá o acento gráfico naqueles casos en que se poidan producir ambigüidades. Por regra xeral, non se acentuarán. 10 Adverbios e conxuncións Elimínanse as conxuncións e locucións conxuntivas: anque, nembargantes, sen embargo e entonces, así como os adverbios alomenos e entonces. Esta supresión responde a que moitas delas son consideradas formas non autóctonas ou a que son resultado de híbridos ou creacións vulgarizantes, como, por exemplo, nembargantes (non embargante). Incorpóranse ó idioma os adverbios alén e aquén, as conxuncións até que, no entanto e porén así como as locucións prepositivas e as preposicións: a respecto de, alén de, após, aquén de, até, canto a. Algunhas formas que se escribían separadas únesen graficamente: apenas, amodo, devagar, talvez, decontado, acotío, enseguida, deseguido, decotío, deseguida, decontino e decotío.