Arredor de 150 profesionais optan aos premios do audiovisual galego

La Voz C. F. | SANTIAGO

TELEVISIÓN

24 jun 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

A gala dos premios Mestre Mateo celebrarase o próximo sábado e arredor de 150 profesionais do audiovisual galego optarán a premios nas 25 categorías previstas. A gala será emitida en directo pola Televisión de Galicia a partir das 23 horas e presentada por Javier Veiga, cun guión do equipo Cabezas Quentes, formado por Toñito de Poi, Víctor Fábregas, Roberto Vilar e Xavier Manteita. Segundo explicou o presidente da Academia do Audiovisual, que organiza estes premios, Manuel Gómez, esta gala demostra o tamaño que ten a industria do audiovisual en Galicia: «cando se di se somos poucos ou uns cantos, nos premios Mestre Mateo ben se pode apreciar cal é o tamaño do audiovisual se pensamos que están competindo 102 producións». Gómez explicou que a gala será «un espectáculo divertido, con sorpresas e que ten a pretensión de dirixirse a toda a sociedade galega». Neste sentido, o presidente do Audiovisual asegurou que «cando organizamos os premios nos os organizamos só para a profesión porque o audiovisual ten que ser importante para toda a sociedade». Manuel Gómez e a actriz Isabel Blanco adiantaron algúns dos participantes da gala do vindeiro sábado: Luz Casal, Susana Seivane, Cristina Pato, Budiño, Uxía Senlle, e tamén estarán presentes Sonia Castelo, María Pujalte e Diana Nogueira, entre outros artistas. Segundo Gómez a Academia enviou 4.000 invitacións «porque queremos que os premios vaian entrando en todos os sectores da sociedade». Premios especiais Ademais dos premios que os membros da academia votan cada ano, a xunta directiva decide en cada edición facer un recoñecemento a personas vencelladas ao audiovisual. Este ano, Ricky Morgada recibirá o premio revelación que leva o nome de Chano Piñeiro. O cine club de Pontevedra recibirá o premio José Sellier á traxectoria institucional e o periodista Luis Álvarez Pousa recibirá o premio de honra Fernando Rey pola súa traxectoria profesional.