A editorial Kalandraka publica o primeiro libro de tea do mercado galego
TELEVISIÓN

?ai libros que son para ler e para tocar. Kalandraka acaba de editar un libro dos que acompañan os soños dos nenos: Boas noites, imos durmir , é un volume de tea, acolchado, que, segundo o mesmo subtítulo indica, é o primeiro libro dun neno para soñar. Protagonizado por un osiño que ten que marchar á cama, o libro vai repasando con pequenos xogos e monecos todas as rutinas do descanso, dende o hábito de lavar os dentes, espirse, darse un baño, ler un conto e, finalmente, xa no leito, durmir. Con forma de maletiña, o libro ten o tacto dos monecos de peluche e no seu interior permite aos nenos e nenas facer distintos xogos que teñen referencia cos elementos máis domésticos e cotiás da casa. Esta nova proposta da editorial Kalandraka atópase a medio camiño entre o xoguete e o libro. As ilustracións van acompañadas cunha frase á maneira de subtítulo indicando as accións que ten que acometer o protagonista antes de que a súa nai ou pai lle poida dar o bico das boas noites. Traducido do orixinal noruegués, manufacturado en China, con debuxos de Donatella Bazzucchi, Kalandraka fíxose cos dereitos deste volume sen papel para o mercado español e ten á venda en Galicia a edición galega e a castelán cun prezo que nas librerías rondará os 20 euros. Con esta obra, os máis cativos poden ir coñecendo o hábito da lectura, ao mesmo tempo que se preparan para un soño reparador.