Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

O lector habitual de prensa reclama máis presenza do galego nos xornais

La Voz C. P. | SANTIAGO

TELEVISIÓN

28 sep 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

O 60% dos lectores habituais de prensa en Galicia aseguran que debería aumentar o galego nas seccións de información e opinión. Para un 22% é abondo coas noticias escritas en galego, e ao 18% élles indiferente. Os datos son o resultado dunha enquisa sobre a presenza da lingua galega nos medios de comunicación realizada por encargo do Consello da Cultura Galega para o informe sobre a situación da lingua neste sector que aparecerá no 2005, e que forma parte do proxecto dedicado a analizar o proceso de normalización lingüística dende 1980 ata o 2000. Galicia non é diferente das demais sociedades occidentais en canto ao consumo masivo da televisión (92%) e da radio (66%). E dentro da oferta actual, o 61% dos galegos din que ven a diario a TVG, e un de cada tres escoita a radio en galego. Do 40% dos galegos que din ler semanarios, só un 2% optan polos escritos en galego. Os xornais distáncianse, cun 48% que din ler un todos os días, dos baixos índices de lectura doutros medios escritos, porque só un 25% din que son afeccionados a ler libros cada día. Claro que os usuarios de Internet, e dada a escasa penetración nesta comunidade, non son máis que sete de cada dez galegos, e os que confesan ir ao cine unha ou dúas veces á semana son un 6%. Á pregunta sobre a lingua que preferirían para un hipotético periódico novo, o 51% (maioritariamente con menos de 40 anos) din galego; o 33%, un uso similiar de galego e castelán, e o 11%, máis presenza do castelán. O avance da enquisa foi presentado polo coordinador do estudo e secretario do Consello da Cultura, Henrique Monteagudo, e por Anxo Lorenzo, un dos dous investigadores principais.