Ramón Carredano leva a súa historia xuvenil ata a nao que descubriu América Teresa Moure é a terceira muller que gaña o premio de novela nos últimos cinco anos
11 jun 2005 . Actualizado a las 07:00 h.?ous textos de ambientación histórica saíron gañadores desde a Illa de San Simón dos premios Xerais e Merlín, fallados na tarde de onte entre o aire húmido do fondo da ría de Vigo e o ambiente de romaría que, entre outras cousas, servía para celebrar o primeiro cuarto de século de existencia de Edicións Xerais de Galicia. A lingüista Teresa Moure é a autora de Herba moura , novela gañadora do premio Xerais, con ambientación histórica, protagonismo feminino e unha referencia filosófica para completar un esquema do que van prendidas tamén outras intencións como a de ofrecer unha reinterpretación da historia desde perspectivas menos oficiais. Herba Moura está ambientada no século XVIII con catro personaxes principais, tres deles son mulleres, Christina de Suecia, Hélène Jans, unha meiga holandesa, e unha muller contemporánea que vai servindo de guieiro para a historia. O cuarto personaxe é Descartes, que aparece máis humano e máis feble do que a historia do pensamento o explica. O xurado salientou desta obra a utilización de diversos xéneros, desde a literatura epistolar ata os recetarios de cociña, así como a documentación para a ambientación e a ollada que deita sobre a presenza feminina na historia. O gañador do premio Merlín de literatura infantil e xuvenil foi Ramón Carredano coa obra Unha branca de cobre para Martiño . Nunha punta desta historia está a nao Santa María, descubridora de América, no día de Noiteboa que embarrancou en Haití. Na outra punta da historia hai un neno que colecciona moedas e que pasa a Noiteboa coa súa familia. Entre as dúas hai unha ligazón que se pode deber a un soño ou a un deses misterios alimentados pola literatura. Romaría Xa no que foi a festa de celebración do 25 cabodano de Xerais, Xosé María Álvarez Cáccamo fixo un repaso de como se chega a construír unha identidade literaria e, aínda que poida parecer paradóxico entregar premios de novela na illa do trovador, quedou claro que ese espazo de terra rodeado de auga mansa por todas partes é xa un espazo de referencia para as letras galegas. As 300 persoas que acudiron a celebrar o premio marearon con ben a distancia entre Cesantes e a illa e acabaron por formar parte da romaría máis literaria das que se levan dando nos últimos anos en Galicia. A luz da ría deixouse ir sobre o fondo da ría e o mesmo solpor foi, un día máis, literatura.