A obra propón unha visión da Historia menos racional
12 jun 2005 . Actualizado a las 07:00 h.A festa do premio Xerais deixou aires de noite cálida na ría e palabras de muller. Teresa Moure, gañadora cunha novela que levará por título Herba moura , reivindia outra perspectiva para a lectura da historia, menos racional e máis sensual ou máis sensitiva. Unha historia que, con outra forma de ollar menos académica, explicaría mellor o papel das mulleres e a alternativa que significan. -¿Non ten medo a que reivindicando a intención feminista, a novela poida ser mal entendida? -É que non é tanto unha reivindicación como unha proposta para un cambio de perspectiva. O que significa a muller é a alternativa, outra forma de entender a vida e outra maneira de relacionarse coa sociedade. Tamén outra forma de relación co poder. Cando as mulleres tenta emular as formas de poder masculino, caen no espazo do masculino e eso non forma parte da alternativa. O que digo na novela é que se un día nos decatamos de que quizais Descartes non tiña tanta razón e os seres humanos somos tanto emocionais como racionais e o aceptamos, entón igual entendemos algúns erros cometidos. -Esa perspectiva do emocional ou do sensual, cre que é máis fácil encontrala nunha muller que nun home, que parecen máis atados á interpretación racional. -Estalo dicindo ti... -Preguntaba... -Está claro que hai unha serie de aprendizaxes, comportamentos e coñecementos non académicos que as mulleres imos aprendendo, que se van herdando e que conforman unha educación diferente da dos homes e que implican outra forma de mirar. É unha forma alternativa. -Manifestou unha distancia irónica coas cuestión académica, pero non pronunciou a palabra ironía. -Non me gusta a ironía porque establece categorías, manifesta unha complicidade entre quen fala e quen escoita, pero que deixa fóra e a un nivel inferior aos terceiros. -O xurado valorou a utilización de xéneros variados. ¿É unha necesidade da narración? -Hai varios motivos. Por unha parte utilizar xéneros heteroxéneos que se poden considera pouco académicos, cartas, receitas, que teñen que ver con eses coñecementos dos que falaba antes adquiridos como herdanza feminina e que son un compendio dificilmente clasificable pero que teñen un grande valor vital. En certo sentido, teñen que ver cos enxovais que as avoas gardaban nas súas uchas, con moitas cousas diferentes e con máis valor emocional que racional.