Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Ferrín presentou a edición especial de «Con pólvora e magnolias»

La Voz C. P. | SANTIAGO

TELEVISIÓN

15 nov 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

?s directores xerais de Edicións Xerais e de Caixa Galicia, Manuel Bragado e José Luis Méndez, presentaron xunto con Xosé Luís Méndez Ferrín a edición especial do seu poemario Con pólvora e magnolias , que inicia a colección coa que Xerais celebra os 25 anos da súa creación, coeditada coa Fundación Caixa Galicia. Ferrín confesouse emocionado e «un pouco violento recordando diante de todos vós todo isto». Referíase ao nacemento en 1976 da primeira edición «do poemario de referencia da lírica galega contemporánea», en palabras de Bragado, editada en Compostela por Carlos Delgado, deseñada por Luís Mariño e financiada polo propio autor. E ao caracter rompedor da obra: «Na miña xeración pensabamos que tiñamos que ser radicais e subversivos en política e tamén na arte e na poesía». Logo dalgunhas consideracións que deixaron patente a forza da súa figura literaria, crítica e de compromiso co país, afirmou: «Xa non son o autor que escribiu Con pólvora e magnolias , xa desapareceu, pero conservo o seu legado. Son outra persoa que escribe outros poemas». Tomou a palabra despois José Luis Méndez, que dixo que aceptou a suxerencia de presidir este acto retando o morbo que supoñía reunir a dúas persoas co mesmo nome e apelido tan apostos en principio coma el e o autor da obra. Ilustrou ao público dicindo que en Internet soubo da existencia de 150 José Luis Méndez no mundo, entre eles un ceramista, un golfista, un ranger de Texas e un bon vivant galego, ademais do actual vicepresidente da Xunta, José Luis Méndez Romeu. E bromeou coas vantaxes que calquera deles pode ter se o narrador e poeta galego acada o Nobel para o que está proposto pola Asociación de Escritores en Lingua Galega. Os libros desta colección, dous por ano, estarán ilustrados por pintores galegos. Sucasas é o de Con pólvora e magnolias , e Xosé Luís de Dios, o da novela de Manuel Rivas O lápis do carpinteiro , que aparecerá a finais de ano. O seguinte será Longa noite de pedra , de Celso Emilio, ilustrado por Xaime Quesada.