Eva Veiga interroga á vida en «A luz e as súas cicatrices»

Elena Silveira
Elena Silveira A CORUÑA

TELEVISIÓN

A escritora recupera «a verdade da infancia» neste novo poemario Luz Pozo e Chisco Fernández Naval salientaron o carácter positivo do libro na súa presentación

15 mar 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

(Ed. Esquío) non debe dar medo. É un libro de lectura doada porque está feito coa auga, co aire, ca luz e co lume..., cos asombros e cas perplexidades da infancia. Eva Veiga reflexiona nel sobre a condición fuxitiva do tempo, -«como fago en case todos», explicou- e faino dende a recuperación da memoria. A xornalista e escritora, que presentou onte na Fundación Caixa Galicia da Coruña o seu último traballo, busca en A luz e as súas cicatrices a infancia como renovación da linguaxe, concentrando toda a súa mensaxe, como adoita facer, no menor número de palabras posibles. O punto de partida é unha experiencia vital impactante, o nacemento do seu sobriño Antón, que lle fixo ver a vida con ollos novos, «e tamén pensar que na infancia está a verdade da nosa vida, e que recuperar esa patria é recuperarnos e entendernos un pouco máis». Rodeada do seu editor, Fernando Bores, e os seus amigos e compañeiros Luz Pozo e Chisco Fernández Naval, Eva Veiga salientou que no libro tamén hai algo de mística e dun sentimiento de unión ca natureza. Como dixo Fernando Bores durante a presentación, Eva Veiga interroga á vida, á memoria, con preguntas e intentos de respostas para obter un resultado no que o lector queda «cun sorriso na boca». Tamén Chisco Fernández Naval confesou o seu asombro, unha vez máis, pola positividade que trasmiten as letras da escritora, e a pesar «desas cicatrices» da vida. Quizáis por iso, ao rematar de ler os seus libros, Chisco Fernández Naval pensa: «Non sei como puiden vivir sen ler os versos que acabo de ler», asegurou onte. Luz Pozo tamén se mergullou na memoria e recordou os tempos nos que coñeceu a Eva Veiga: «Nos oitenta, cando era unha distinguida presentadora de televisión e cando xa tiña ese aspecto de raíña intelectual ou Sybilla». Xa entón a luz comezaba a ser unha das palabras clave da poesía desta escritora.