Ramón Villares é presidente do Consello da Cultura por abrumadora maioría

Concha Pino santiago

TELEVISIÓN

ÁLVARO BALLESTEROS

A súa candidatura, a única presentada, tivo 23 votos a favor, un en contra e unha abstención Releva no cargo a Alfonso Zulueta de Haz, quen remata o seu mandato de catro anos

20 abr 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

Cun só voto en contra e unha abstención, o catedrático e historiador Ramón Villares foi elixido onte presidente do Consello da Cultura Galega por abrumadora maioría no pleno extraordinario da institución. Foron 23 votos a favor dos 25 asistentes ao pleno, ao que só faltou por motivos de saúde Blanca Jiménez, representante da Fundación Penzol. Ramón Villares, que substitúe por finalización do mandato de catro anos a Alfonso Zulueta de Haz, non será presidente ata o seu nomeamento por un decreto da Xunta a proposta da conselleira de Cultura, membro de pleno dereito da entidade, e que o presidente electo definiu onte, co seu proverbial sentido do humor, como «portaavións da cultura galega» na que están representadas «as principais institucións galegas». Villares xa fixera gala do seu humor minutos antes, cando despois de agradecer «o abrumador apoio» dos membros do pleno a súa candidatura, amosou a satisfacción de que con el «se desfixera o meigallo» de non acceder ao cargo por mor do falecemento do presidente. Villares agradeceu a Alfonso Zulueta a forma de levar a cabo a sucesión e o seu desexo de que o tránsito no relevo «sexa pacífico». Así é todo, e malia anunciar continuidade nas liñas de traballo abertas polo Consello, dixo que quere facer unha avaliación do Consello da Cultura, nomeadamente da visión e aceptación que ten deste organismo a sociedade, para presentar o seu plan de traballo. Manifestou a súa disposición a salvagardar a pluralidade e diversidade do Consello «para que sexa unha casa da cultura de todos, admitindo a crítica e a discrepancia». Pero, dado que a composición do Consello foi cuestionada varias veces dende o BNG e onte mesmo foi criticada na comisión parlamentaria para a reforma do Estatuto por representantes do Museo do Pobo, Villares contestou a una pregunta a respecto diso que a lei «é susceptible de ser revisada» e que se o plenario ten algunha capacidade de cambios «pero non moita», será abordada de maneira sosegada. Remitiu precisamente ao novo Estatuto os cambios, e deixou claro que defenderán «o actual estatus estatutario do Consello da Cultura», no seu momento.