Os escritores distinguen a cinco autores por sendas obras do 2005

La Voz C. P. | SANTIAGO

TELEVISIÓN

ÁLVARO BALLESTEROS

É a primeira edición na que conceden o galardón a unha obra por cada xénero literario O fallo foi decidido polos socios da AELG entre os 26 finalistas da primeira quenda

06 may 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

Luz Pozo Garza, Teresa Moure, Manuel Lourenzo, Anselmo López Carreira e Xesús González Gómez son os cinco autores distinguidos pola Asociación de Escritores en Lingua Galega cos premios anuais ao mellor libro publicado no ano anterior, e que nesta edición concederon en cinco categorías, correspondentes aos xéneros de narrativa, ensaio, teatro, poesía e tradución. O fallo fixérono público onte pola noite no transcurso dunha cea celebrada nun hotel de Santiago, na que os cinco galardoados recolleron a pluma estilográfica de cristal deseñada especialmente pola esmaltista Xulia Ares para os Premios AELG. A decisión é o resultado dos votos dunha ampla maioría dos 290 asociados entre 26 finalistas resultantes dunha primeira quenda de sufraxios entre todas as obras publicadas no 2005. Luz Pozo gañou o premio de poesía polo seu poemario As arpas de Iwerddon , un canto as ligazóns poéticas, mitolóxicas e mesmo reais entre Irlanda e Galicia, publicado por Linteo Edicións. Entregoullo a tamén poeta Lucía Novas. O premio de narrativa, entregado por Rosa Aneiros, foi para Teresa Moure, a autora máis galardoada nun período de apenas dous anos. Foi pola novela Herba moura , gañadora do Premio Xerais do 2005, o dos libreiros e o da Crítica, e pola que esta semana recibe o Arcebispo Juan de San Clemente, que concede o instituto compostelán Rosalía de Castro e outorgan alumnos de bacharelato de toda Galicia. Na categoría de teatro, a distinción recaeu en Manuel Lourenzo por Nocturnos , un libro editado por Laiovento que reúne as pezas Xoana , A lúa pon o ovo en Veron a e Aquela historia de Bly . Fíxolle entrega da estilográfica de cristal Francisco Pillado. En ensaio, o gañador foi o historiador e profesor de instituto Anselmo López García, pola obra O reino medieval de Galicia , publicado por Edicións A Nosa Terra. O escritor Suso de Toro foi o encargado esta vez de entregar o galardón. O de tradución recaeu no tradutor, crítico e xornalista galego en Barcelona Xesús González Gómez, que o recibiu de mans de María Reimóndez pola súa versión ao galego de A estrela da mañá. Surrealismo marxismo , de Michael Löwy. A cea literaria reuniu a algo máis dun cento de escritores e escritoras, e contou coa presenza da vicepresidenta da Parlamento galego Tareixa Paz, dos deputados Bieito Lobeira e Xosé Ramón Paz e dos directores xerais de Xuventude, Rubén Cela, e de Igualdade, Carme Adán, entre outros.