Os galegos escollen as súas palabras en función do seu significado ou do seu son
TELEVISIÓN
?educidas a dous conceptos básicos, as palabras compóñense do seu significante e do seu significado. É dicir, a forma e o fondo. A sonoridade e o concepto que representan. Os lectores de La Voz que polo de agora participaron na iniciativa para elixir a que consideran a palabra máis fermosa do galego, fan a súa escolla en función de como lles soa a palabra, da relación que establecen co seu significado, ou por ambos os dous motivos. No primeiro bando poden incluírse moitos dos partidarios de bolboreta , a palabra que polo de agora vai de primeira na lista de candidatas propostas polos lectores do xornal. Pero tamén poden contarse moitos votantes de bolboreta que cren que é unha palabra fermosa que lle dá nome a un animal igualmente fermoso. «Soa moi ben e dálle nome a un animal precioso», dicía onte Luz Vázquez. Ana Fernández Pérez vota por axóuxere , aínda que por motivos semellantes: «Soa moi ben e nunca mellor dito. É unha palabra que sempre me gustou desde que a descubrín e que moita xente non coñece», argumenta. Conceptos máis amplos Pero hai quen outorga ás palabras significados que poden ampliar a conceptos máis amplos, mesmo a toda Galicia. Así o fai Xaime Folla Gárate, con agarimosa : «Eu coido que a mellor definición da nosa terra é ista. Acolledora, fermosa, doce e exquisita no trato, protectora, acariciante». Dende que a propuxo Xosé Carlos Caneiro nunha columna, apóutiga recibiu varios votos. Para algunhas das persoas que a apoiaron, representa un xeito de vida que se está a perder. «Aínda que se poderían escribir centos de palabras, apóutiga constitúe unha homenaxe a todas esas palabras dos nosos pais e dos nosos avós, que tristemente están caendo no olvido», explica Lucía Novoa. O resultado da iniciativa darase a coñecer o vindeiro mércores, Día das Letras Galegas. As votacións poden enviarse ata a véspera, o martes ao mediodía. As votacións poden remitirse a http://www.lavozdegalicia.es/se_cultura/opina.jsp ou por correo postal a La Voz.