Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Siro López rende homenaxe a Picasso cunha exposición en Barcelona

Consuelo Chaves Esther Taboada BARCELONA

TELEVISIÓN

ESTHER TABOADA

18 may 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

Onte foi inaugurada na galería Sargadelos de Barcelona a exposición Homenaxe a Picasso do creador ferrolán Siro López. Para a súa estrea na Cidade Condal estivo arroupado polo catedrático da Universidade de Barcelona Basilio Losada, entre outras persoas. Hai pouco que o artista deu por finalizada a súa etapa como debuxante e que decidiu conducir a súa capacidade creativa por outros camiños. Esta exposición é unha mostra. Aínda que a idea inicial era expoñer na capital catalana a colección de cadros xa exhibidos en Santiago e Ferrol, aproveitou a conmemoración dos 125 anos do nacemento de Pablo Picasso para ofrecerlle a súa particular homenaxe. Nos 23 cadros expostos, Siro toma como modelo a Picasso ou a elementos da súa iconografía. No que cualifica de «alarde debuxístico», persegue a partir dun retrato realista chegar a un picassiano desfacendo as formas. Aínda que as describe como figurativas, o autor confesa que as obras son moi libres, grazas á súa técnica e mirada de caricaturista: «Dáme capacidade para non quedarme na superficie, poder apreixar a expresión e transformala, darlle forma pero conservando ao mesmo tempo a forza expresiva de Picasso. Forza que se atopa sobre todo nos ollos e na súa boca». Así, no Minotauro que aparece nun dos cadros pódese distinguir a mirada do xenio malagueño. Para esta colección, Siro utilizou a témpera en liñas trazadas a pincel. Cada liña nunha cor distinta, pero tratando de buscar a harmonía. O azul ultramar, o carmín, o verde esmeralda, o violeta e máis un cor terra, son os predominantes nesta homenaxe a Picasso. O polifacético artista galego admite que o xenio do cubismo «é a creatividade en grado sumo, Picasso tivo a forza creadora que quizais non tivo ningún outro na historia». Siro bebe do Picasso debuxante e do Picasso creador de formas. «Non é o pintor da miña vida, xa que por exemplo, Matisse emocióname máis pero admiro a súa valentía para romper con todo e crear a partir de aí», confesa. De feito, o artista está entusiasmado particularmente con esta exposición porque lle abriu un mundo de posibilidades para seguir traballando sobre a obra picassiana no campo da pintura. Deste xeito, espera poder presentar no vindeiro mes de setembro outra exposición máis ampla de debuxo e pintura sobre o internacional pintor.