Reconstruirá o vindeiro sábado en Tui os actos do certame poético e de exaltación patriótica Os membros da entidade lerán os discursos de Murguía, Cabeza e Alfredo Brañas
17 jun 2006 . Actualizado a las 07:00 h.As festas na honra de San Pedro González Telmo de Tui en xuño de 1891 pasaron á historia por un acto extra que figuraba no seu programa: a celebración dos primeiros Xogos Froraes, en terminoloxía da época, un fito para a lingua galega, que saía do século do seu Rexurdimento e ía camiño de entrar no da súa consolidación. Aquela data, o 24 de xuño de 1891, presenciou unha exaltación inédita do idioma do país, cuns actos nos que se conxugaron a creación literaria, os discursos de reivindicación política e a música popular. Nos xogos florais de Tui falaron tres históricos do galeguismo, Manuel Murguía, Salvador Cabeza de León e Alfredo Brañas; este último resumiu o espírito que había de guiar a celebración: «Chamados como n'outros países a fortalecer o caráuter popular, a facer revivir as antigas libertades, a conservar as costumes, y-a dar fixeza, estabilidade é xeneralidade á nosa fala». Obxectivos que son os da Real Academia Galega, que para o vindeiro sábado, xustamente 24 de xuño, conmemorará aquela efeméride. O seu presidente, Xosé Ramón Barreiro Fernández, evoca a consigna de Murguía, Surge et ambula (érguete e camiña), para lembrar aquela celebración na que se manifestou que «os pobos nunca morren se teñen a bandeira do idioma». Con gaiteiros Barreiro pechará o acto antes de que a Banda Municipal de Tui interprete o Himno galego, pero o antecederán varios académicos e músicos que reconstruirán aquel día de 1891. Ás 12.30 o cortexo cívico sairá cara ao Teatro Principal; polo camiño falarán o alcalde, Antonio Fernández Rocha, e os membros da RAG Xesús Alonso Montero e Andrés Torres Queiruga. Este último tamén o fará como teólogo, xa que nos xogos florais de Tui a Igrexa se sumou por vez primeira aos ideais do galeguismo, na persoa do crego Lago, quen naquela data «pronunció un erudito discurso encareciendo la importancia del acto y las bellezas de la lengua gallega», como informou no seu día a publicación La Patria Gallega . Canda eles irán os gaiteiros Xosé Ferreirós, de Milladoiro, e Bieito Romero, de Luar na Lubre, xunto co neno Xalo; interpretarán unha alborada e dúas muiñeiras, igual que no certame de gaitas e baile de 1891, e que ofrecía de primeiro premio «catro centos reás». Os gaiteiros premiados quedaban obrigados a interpretar as muiñeiras para as parellas que desexasen bailar. En La Patria Gallega tamén constan os galardoados nos Xogos Froraes: o señor Díaz Spuch, avogado de Tui, co seu canto O derradeiro trovador , recibiu unha pola de carballo con belota de ouro; Barcia Caballero quedou segundo con Brétemas e foi distinguido cunha violeta de ouro e prata; terceira foi Filomena Dato Muruais, cun alfinete de turquesas e brillantes, e cuarto, o pintor Urbano González, quen se levou unha coroa de prata. O acto do vindeiro sábado continuará arredor da unha coa intervención de Xosé Luís Méndez Ferrín diante do Teatro Principal e a lectura dos discursos históricos de 1891. Deste xeito se lembrarán e farán realidade as palabras da intervención de Brañas: «A poesía, o amor, e sobre tod' o amor â pátrea, revivirán sempre de xeneración en xeneración».