O musical «As favoritas» realizará esta noite unha homenaxe á desaparecida Rocío Dúrcal

María Rial REDACCIÓN

TELEVISIÓN

SIMÓN BARBER

07 sep 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

A sexta edición do musical do verán da TVG As favoritas, emítese esta noite a partir das once e media. O tema estrela de hoxe serán as cancións de desamor, o espazo recollerá unha selección das mellores actuacións musicais da historia da televisión de Galicia, así como entrevistas con personaxes famosos que dende o plató, no centro dun enorme tocadiscos, dedicarán unha canción a alguén especial para eles. Os persoeiros son Antón Reixa, Yolanda Vázquez, Farruco, Dorotea Bárcena, Xurxo Souto, Evaristo Calvo, Xavier Veiga, Toñito de Poi, Manquiña, David Amor e Iria Pinheiro, Yolanda Castaño, Isabel Risco, Sonia Vizoso, Susana Seivane, Gayoso, Isabel Blanco e Os Tonechos, entre outros convidados que mentres o vinilo xira darán paso ás diversas melodías, falarán das súas lembranzas e terán a oportunidade de interpretar un tema cun artista do mundo da música. Esta noite en As favoritas haberá cancións que esperten a nostalxia, outras que serviron de fondo a épocas e sucesos da historia de Galicia e durante máis dunha hora o programa levará á memoria dos telespectadores algunhas letras coas que probablemente o público se identificou nalgún momento de desamor como La Ladrona, de Paolo Salvatore, Sobreviviré, de Mónica Naranjo, e Toñito de Poi e Ana Kiro cantando Sae da bodega . Percorrido do desamor Ademais esta noite no espazo musical realizarase un emotivo percorrido por algunhas das cancións máis coñecidas e protagonizadas polo desamor de Rocío Dúrcal, unha das cantantes máis versátiles de fala hispana de todos os tempos. Un venres máis, o dúo Pimpinela participará no programa, hoxe con El amor no se puede olvidar e a galega Luz Casal interpretará Negra Sombra, casi un himno creado sobre o texto de Rosalía de Castro e coa melodía dun antigo alalá; tema principal da película Mar Adentro, de Alejandro Amenábar. Quen tamén aparecerá en As favoritas será Mari Trini que, con máis de trinta anos de carreira ao longo dos que sobrepasou os dez millóns de discos vendidos, é unha pioneira das cantautoras españolas. A artista compuxo centos de cancións de amor, desexo, frustración e desencanto e incluso unha melodía que estivo prohibida no franquismo e que se publicou antes en Francia que en España, o tema Yo no soy esa, que soará esta noite na TVG.