Marilar Aleixandre, finalista do Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil con «Rúa Carbón»
TELEVISIÓN
A última novela de Marilar Aleixandre, Rúa Carbón (Edicións Xerais de Galicia), resultou finalista no Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, que acadou o autor bilbaíno Fernando Marías con Cielo abajo . O galardón, que concede o Ministerio de Cultura á mellor obra escrita para rapaces e publicada no ano 2005, fixo por primeira vez público o título do libro finalista, que este ano foi a novela da escritora galega. , aparecida na colección xuvenil Fóra de xogo , está protagonizada por Paula, unha rapaza que está a piques de cumprir 17 anos e que descubre un segredo familiar: tanto o seu pai como a súa nai foron militantes de ETA político-militar. A súa nai abandonou ese mundo, pero o seu pai faleceu antes de que a cativa nacera, mentres colocaba unha bomba nun coche. Paula terá acceso a esta información durante unhas vacacións de verán coas súas avoas no País Vasco, polo que a novela non se limita a narrar o impacto duns feitos do pasado no presente, senón que recolle a situación actual en Euskadi. Esta situación serve a Aleixandre para narrar o problemático tránsito dunha adolescente cara á madurez, e alternar os problemas persoais e individuais cos conflitos sociais. Traducións Marilar Aleixandre xa conta na súa traxectoria con diversos premios, como o Merlín, o da Crítica, o Lazarillo, o Xerais e o Premio La Voz de Galicia de novela por entregas. Rúa Carbón será publicada nas vindeiras semanas en castelán e catalán.