A TVG emite na sobremesa «A última fotografía», documental do galego Delmi Álvarez
TELEVISIÓN
Galicia documental, título xenérico baixo o que a TVG ofrece unha serie de documentais de produción galega e algún con selo esterno, emite hoxe a partir das 16.15 horas a reportaxe A última fotografía. Esta montaxe das instantáneas de Delmi Álvarez achega a vida de dous galegos que viven desde hai medio século en Rusia e recupera elementos da memoria histórica de Galicia. Trátase dun traballo dirixido por Andrés Mahía, gravado en Letonia e Rusia, e que narra a viaxe do fotógrafo vigués Delmi Álvarez na procura dunha fotografía que leva anos perseguindo. Álvarez é un fotoxornalista que na actualidade mora en Riga, a capital letona, e que investiu máis de 20 anos da súa vida en fotografar a emigrantes galegos polos cinco continentes. Dende hai anos, Álvarez intenta localizar a dous galegos que están dende hai máis de medio século en Rusia para poder descreber as súas vivencias a través das imaxes. Federico Doval é un ex soldado da División Azul, quizais o único galego vivo do mundo que loitou nos exércitos de Hitler e estivo preso nos campos de concentración de Stalin. Antonio Rei é un niño de la guerra que abandonou Galicia con cinco anos. Ambos os dous viven en Krasnodar, a cento vinte quilómetros do Mar Negro. A última fotografía é a crónica da viaxe de Delmi, desde Riga a Krasnodar, e do seu encontro con estes dous galegos. O documental lembrará tamén a vida nómada de Delmi Álvarez e o seu proxecto Galegos na diáspora, o máis grande traballo fotográfico feito nunca sobre a emigración galega.