O Foro do Audiovisual quere ser o espazo de debate do sector en Galicia

Camilo Franco REDACCIÓN

TELEVISIÓN

Os obxectivos desta iniciativa son analizar, impulsar e difundir os proxectos galegos A presentación da nova institución serviu para presentar o número un da súa revista

18 jun 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

Analizar, impulsar e difundir un sector en cambio permanente como o audiovisual son os obxectivos do recen constituído Foro Galego do Audiovisual, lanzado dende o Centro Galego das Artes da Imaxe e a Fundación Caixa Galicia. Coa presenza do presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, e do da Caixa Galicia, José Luis Méndez, o inicio protocolario deste novo espazo de debate serviu para pasar revista á situación do sector no país que, segundo Carlos Carballo, de Voz Audiovisual, «ten que prepararse para un horizonte cambiante e sen certezas». No mesmo sentido do repaso, Fernando Salgado indicou que o sector en Galicia deberá ofrecer un abano amplo de posibilidades. Para Touriño e Méndez o Foro é unha iniciativa que demostra a importancia para a sociedade deste sector e a vontade das institucións que presiden de estar presentes e de impulsar o porvir para o sector. Un compromiso que Touriño explicou nas tres direccións que debe avanzar: formación, creación e difusión. Touriño sinalou tamén que as cifras non acaban de explicar de todo a importancia dun sector como o audiovisual que, segundo Méndez, «é cada día máis importante na hora de enfrontarse ao mercado, un sector imprescindible no presente e no futuro». No mesmo acto, e coa intervención de Chévere, foi presentado o primeiro número de Ag, revista publicada polo Foro e que recolle algúns dos aspectos máis destacados da recente produción audiovisual galega.