«O novo personaxe de Aníbal é información clasificada»

beatriz pallas REDACCIÓN / LA VOZ

TELEVISIÓN

O actor Luís Zahera regresa á primeira liña da ficción televisiva con «Matalobos».

14 mar 2012 . Actualizado a las 14:40 h.

Vanessa Viaño, cada día máis ao mando dos negocios dos Veloso na serie Matalobos, entrevistouse a semana pasada cun misterioso home co mesmo rostro que o Releches de Celda 211 e o Petróleo de Mareas vivas. O seu intérprete, Luís Zahera, regresa así á primeira liña da ficción televisiva coa serie líder de audiencia en Galicia na noite dos martes. Esta noite (TVG, 22.35 horas), os negocios dos Veloso con Aníbal espertarán as sospeitas dos Matalobos, que non queren ver por Sardiñeira a un tipo da súa fama. Nas instalacións portuarias, os homes de Aníbal agardan un contedor procedente de Rusia que chega cheo de mulleres aterrorizadas.

-¿Quen é Aníbal?

-É un personaxe na liña de Matalobos, do que non se pode revelar moito. Ten a súa cousa turbia e non tan turbia. Aníbal é información clasificada, se revelase algo despois tería que matarte.

-¿Tócalle de novo facer de malo, como de costume?

-Haberá que velo para saber se é malo ou non. É un home de acción, un tipo guapísimo...

-Pero si é habitual que teña que amosar un perfil malvado.

Como dicía Boadella, hai que facer o papel que che toca, non o que queres. Xeralmente, fago tipos difíciles. En televisión, para o que máis me chaman é para tipos terribles ou para tolemias. Pero nas curtas normalmente fagor personaxes máis amables, aínda que en El premio, de Elías Leon Siminiani e candidato aos Goya, fago de envexoso.

-¿E que é o que lle gustaría facer?

Home, gustaríame unha de amor, unha comedia romántica. Non vou estar toda a vida liquidando á xente, facendo ao Releches politoxicómano ou ao pirata alcohólico. Pero o malo non é que te encasilles, o malo é non traballar. Espero que cando me faga maior e me saian canas amaine o temporal.

-Máis dunha década despois, ¿aínda segue sendo Petróleo?

Ferrandis morreu sendo Chanquete e eu morrerei sendo Petróleo. É un alcume que se fraguou. O público tenme encasillado como o carteiro de Luar e iso é o mellor que che pode pasar.

«Cando traballo fóra, sempre me preguntan por 'Matalobos' e 'Padre Casares'»

-¿Que opina de «Matalobos»?

-Todo o mundo está enganchado e todos me preguntan que vai pasar con tal ou cal personaxe. Iso é un bo sinal. É unha serie de xénero, moi negra. Cando traballo fóra de Galicia, en Madrid, sempre me preguntan polo seu estilo propio e pola súa realización. Por esta e por Padre Casares.

-Un «thriller» cen por cen.

-É xénero puro e está moi ben. É moi complicado conseguir que algo funcione tan ben. Algo que me chamou moito a atención é que había moitos anos que non traballaba con Voz Audiovisual, desde Mareas vivas, e sorprendeume o consolidado que está o equipo. É unha maquinaria moi engraxada, con moita profesionalidade, e está facendo un produto de qualité.

-Este mesmo ano, adentrouse por vez primeira no mundo dos monólogos. ¿Como o leva?

-Si, xunteime con Manqui [Manuel Manquiña], animeime e vai moi ben. A verdade é que sentía pánico de facelo, de estar aí eu soíño diante do público unha hora, pero todo ten o seu xeito e estou moi contento con este teatro de proximidade. Gústame esa sensación de algo que conseguín facer.

-¿Dálle máis medo o monólogo que o teatro?

-En certo xeito, son a mesma cousa. O monólogo ten un punto de teatro. Pero o que máis me gusta é o teatro e realmente é o que menos fago. Empecei en Ditea, con Agustín Magán, e o primeiro pastel o recordas sempre. O directo é o que máis me gusta.

-¿Por que non fai máis teatro?

-Porque arranquei co audiovisual, foime ben e nunca máis volvín. Por mala sorte, por desidia, por falta de tempo e iso ao final pesa. Por iso os grandes sempre volven ao teatro e eu vou capeando o mono como podo cos monólogos.

luís zahera intérprete de «matalobos»