Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Negroni explora a outra realidade laboral en «Vaia choio!»

redacción / la voz

TELEVISIÓN

Achegarase a Extramundi, parroquia de Padrón, para mergullarse na Cerería Cortizo

29 sep 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Francesco Negroni protagoniza hoxe en V Televisión a súa persoal e intransferible volta ao cole. Unha escola tan dura como a vida mesma. Será ás 22.15 horas cando o incombustible traballador presente a nova temporada do programa, na que explora as outras realidades do mercado laboral galego. Este peculiar italiano, amigo de atreverse cos choios máis difíciles, volve á canle autonómica galega despois de experimentar en anteriores entregas a súa capacidade para desenvolverse o mesmo no interior dunha mina que limpando sumidoiros.

No espazo desta noite achegarase a Extramundi, unha parroquia do concello de Padrón ben coñecida polos amantes da literatura de Camilo José Cela, un dos veciños máis ilustres da localidade. Pero non serán precisamente palabras as que manexe Francesco Negroni neste capítulo de Vaia choio!. O italiano comeza a temporada mergullado entre velas na Cerería Cortizo de Extramundi, un negocio artesanal que desde Padrón fabrica velas para toda España e mesmo exporta o seu produto a países como Italia ou Portugal. O seu propietario, Senén, terá que explicar a Negroni o delicado e paciente proceso polo que se consegue facer unha vela mergullando repetidas veces a mecha en cera quente. Todo un choio.