Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

David Barro: «Hoxe Seoane tería Facebook ou Twitter e conduciría un programa de televisión»

b. p. l. REDACCIÓN / LA VOZ

TELEVISIÓN

O director xerente da Fundación Seoane estrea un espazo que da a palabra á reflexión cultural en V Televisión

10 abr 2016 . Actualizado a las 22:13 h.

V Televisión estreou este domingo, ás 21.30 horas, o programa cultural Botella al mar, dirixido e presentado polo director xerente da Fundación Luís Seoane, David Barro, e proxecto herdeiro da actitude do artista e intelectual do século XX na comunicación e difusión do feito cultural galego. Nos anos setenta, Seoane colaborou en La Voz de Galicia escollendo figuras que destacaban pola relevancia da súa actividade ou da súa obra; hoxe, a fundación que leva o seu nome recolle ese legado para trazar en V Televisión os perfís da cultura galega no século XXI.

-¿De onde toma o seu nome o programa «Botella al mar»?

-Botella al Mar foi a editorial máis fecunda de Luís Seoane, con máis de 150 títulos. Fundouna en 1947 con Arturo Cuadrado e estaba destinada a publicar obras de autores novos. Nesta editorial, Seoane renova o estilo gráfico do libro en Bos Aires e nela publicaron figuras como Rafael Alberti, Ernesto Sábato, Alejandra Pizarnik, Lisa Lenson ou Jorge Luis Borges.

-¿Cal será o cometido?

-Dar a palabra á cultura. Media hora de entrevista falando de arte, arquitectura, deseño, música, poesía, cine, teatro e demais. Normalmente a voz a teñen os políticos ou os personaxes do corazón. A cultura unicamente ten voz cando se presenta algo, pero este non é un programa de actualidade, a noticia está no pensamento e a reflexión cultural.

-¿Con que criterio se fará a selección de invitados?

-Como se fose o comisariado dunha exposición. A partir de afinidades electivas. Por unha banda, creadores galegos que teñen un importante recoñecemento fóra de Galicia e que quizais non son o suficientemente coñecidos aquí; por outra, autores que están a facer un traballo interesante e, ao mellor, non teñen a visibilidade que correspondería ao seu talento.

-¿Que mirada adopta sobre o feito cultural galego no século XXI?

-Penso que non hai mellor frase para contestar a esta pregunta que a que Luís Seoane dirá a Isaac Díaz Pardo en Bos Aires nos anos sesenta: «Nós queremos axudar a enriquecer ao mundo coa nosa diferenza».

-¿En qué medida é herdeiro da actitude de Luís Seoane ante a cultura galega?

-Totalmente. Seoane anhelaba conectar a creación artística co pobo, coa colectividade. Tiña espírito de cronista e foi un excelente comunicador. Foi xornalista gráfico e radiofónico e a acción de proxectar a cultura ao maior número de xente posible era unha parte inherente ao seu compromiso. Tivo a súa propia revista, Galicia Emigrante, que publicou entre 1954 e 1959, e co mesmo nome tivo un programa de radio durante 17 anos. Como xornalista gráfico traballou en La Voz de Galicia, pero xa en tempos da República colaborou en Yunque, Alento, Resol, Universitarios ou Claridad.

-¿Cómo utilizaría Seoane hoxe en día as novas formas de comunicar para apoiar a cultura?

-Supoño que tería Facebook ou Twitter e tería seguidores de todo o mundo. Pero, sen dúbida, conduciría un programa de televisión.

O arquitecto Alberto Veiga, primeiro invitado

Botella al mar estrease esta noite co arquitecto Alberto Veiga (Santiago, 1973) como primeiro invitado. «Alberto Veiga, e o seu compañeiro de estudio Fabrizio Barozzi, foron merecedores o pasado ano do galardón de arquitectura máis prestixioso de Europa, o premio Mies van der Rohe. Pero o motivo da escolla é a singularidade da súa arquitectura», explica David Barro.