Os sarxentos Marga Neira e Roi Quiroga tratarán de pechar a investigación da desaparición de Míriam de la Torre
08 jun 2019 . Actualizado a las 19:29 h.Este domingo, Televisión de Galicia emitirá a partir das 22 horas o último capítulo da temporada de Serramoura, que xa é o thriller máis lonxevo da canle autonómica. A serie de Voz Audiovisual despídese ata despois do verán cun episodio que promete intensidade, acción e xiros sorprendentes a partes iguais.
O cuartel de Serramoura non atravesa o seu mellor momento. A investigación do caso de Míriam de la Torre está atascada e o secuestro, coa posterior posta en liberdade de Diana, a filla de Iván Osorio (papel que interpreta na ficción o actor Nacho Castaño), non fixo máis que complicar a posible resolución do caso que lideran os sarxentos Marga Neira (Lucía Regueiro) e Roi Quiroga (Xúlio Abonjo). Pero xa se sabe que en Serramoura todo pode ir a peor.
No episodio anterior, Santos (o personaxe interpretado por Monti Castiñeras) puxo en marcha un plan para roubar na mansión da familia Osorio, pero non podía facelo só, polo que buscou un cómplice. Peixe (Andrés Giráldez) converteuse no axudante de Santos, pero foi descuberto coas mans na masa. Sen noticias do seu colaborador, Santos non dubidará en denunciar que Peixe foi vítima dunha brutal malleira e sinala a Iván Osorio como autor dos feitos.
A pesar da boa intención do cuartel para axudar a Peixe, Santos non tardará en indagar pola súa conta o que pasou na casa dos Osorio.
Como noutras ocasións, a esperanza do posto de mando de Serramoura para atopar algún tipo proba que incrimine a Iván estará posta en Quique (Miguel Canalejo) e Patri (Sonia Méndez), que utilizarán todos os recursos que teñen á súa disposición para axudar aos sarxentos.
Pero nesta nova entrega de Serramoura tamén hai espazo para revelar segredos. Luz (personaxe que interpreta a actriz Mariana Expósito) quere coñecer a historia dos Fiúza e segue adiante no seu intento por descubrir quen era a nai de Román. Non obstante, Evaristo (Antonio Mourelos) non está disposto a que se remova o pasado da súa familia e a través de Hugo (Tito Asorey) intentará que Luz esqueza o tema por todos os medios. Conseguirá o seu propósito?
Para seguir a evolución de Serramoura, os espectadores poden descubrir todos os segredos da serie e estar ao tanto da gravación nas seguintes redes sociais: www.facebook.com/serramoura.serie/, www.twitter.com/serramoura_tvg/ e www.instagram.com/serramoura.serie/.