«Serramoura» entra na súa recta final

H. R. REDACCIÓN / LA VOZ

TELEVISIÓN

TVG emite esta noite (22.30 horas) un novo episodio da última temporada da ficción

04 oct 2020 . Actualizado a las 14:18 h.

Tan só restan catro episodios para que remate Serramoura, o thriller que mantén en vilo aos espectadores de TVG desde que, en outubro de 2014, Marga Neira e Diego Bazán comezasen a investigación da morte de Mónica Triáns. Cento sesenta e nove episodios despois, Sonia Méndez e María Roja, que interpretan a Patri e a Catuxa na ficción, foron as últimas intérpretes en incorporarse á serie de xeito continuado. Sonia chegou no episodio 120, e María, no 161. As dúas actrices destacan positivamente o seu paso pola ficción.

Para Sonia, Serramoura supuxo unha experiencia moi fermosa. «Patri foi un agasallo porque, a pesar do drama da serie, foi unha personaxe moi divertida e diferente», afirma. María Roja tamén valora do mesmo xeito o seu paso por Serramoura. «Fíxome moita ilusión cando entrei porque xa non contaba con poder participar nese proxecto», revela.

Seguindo coas cifras, na serie participaron máis de 250 intérpretes. No caso de Sonia Méndez, a personaxe de Patri chegou nun momento no que estaba máis centrada detrás das cámaras. «Eu viña dun momento no que non estaba moi metida na faceta actoral e con Patri recuperei o contacto coa interpretación. Significou volver atoparme co oficio», valora. Tamén foi unha sorpresa para María Roja cando soubo que a súa personaxe tiña continuidade. «Contaba con que a Serramoura chegábase para morrer ou para facer o mal», sostén.

E sobre esa lenda negra que hai acerca da serie, na que todos os personaxes novos que chegan á vila o fan para morrer, Sonia afirma: «Niso non pensei demasiado. Sabía que Patri podía desenvolverse e formar parte do equipo do cuartel e ata podería facerse un spin-off con esa personaxe». María Roja contaba con que o seu papel tivese pouca traxectoria. «Como Catuxa é unha personaxe á que só lle pasan cousas malas, agardaba o momento da morte. Pero episodio a episodio fun vendo que tiña sorte, polo que foi unha sorpresa», di.

A rodaxe da temporada final de Serramoura rematou hai case un ano. Despois dese tempo tanto Sonia Méndez como María Roja teñen unha sensación de melancolía. «A serie acaba moi en alto, algo que creo que está moi ben, e teño a sensación de que Patri daba para moito máis, que era unha personaxe que podía seguir -explica Sonia-. Se me quedase cunha palabra sería con certa melancolía, pero non me gustan as despedidas nin na vida en xeral, nin na ficción». María Roja tamén ten unha sensación semellante. «Ao ver os episodios lembras as anécdotas de rodaxe e entra un pouco a morriña por seguir traballando en Serramoura», lembra.

Nestes momentos tanto Sonia como María xa están inmersas noutros proxectos. No caso de Sonia está pendente da estrea do documental sobre a poeta Luz Fandiño, e preparando a nova edición do Carballo Interplay adaptado á nova normalidade. María tamén compaxina o inicio da produción dunha nova ficción coa preparación dunha nova performance, dun novo espectáculo teatral de Aporía Escénica, e tamén participando nas montaxes xa armadas doutras compañías.

As dúas teñen claro que ningún seguidor de Serramoura vai perder o final. Sonia xa avisa: «Hai que estar aí, ao pé do canón porque vai ser unha boa traca final».