«Salvaxe», o «reality» máis extremo da TVG

Carlota G. L. REDACCIÓN / LA VOZ

TELEVISIÓN

Reality Salvaxe.
Reality Salvaxe. MONCHO FUENTES

A televisión galega estrea este luns, ás 21.45 horas, o programa de supervivencia e resistencia física

02 dic 2024 . Actualizado a las 12:23 h.

A Televisión de Galicia estrea este luns, ás 21.45 horas, Salvaxe, o seu primeiro reality de supervivencia extrema coproducido por Voz Audiovisual e The Mediapro Studio. O novo formato, presentado pola vilalbesa María Lamela, poñerá a proba a 18 concursantes de toda Galicia, que terán que demostrar a súa resistencia, habilidades e capacidade de adaptación para conseguir ser «o máis salvaxe» e acadar o premio final de 25.000 euros.

Un desafío de 24 horas e 7 días

O programa, gravado completamente en exteriores, mostra os retos e convivencia dos concursantes durante as 24 horas do día, os 7 días da semana. Os 18 salvaxes están nun campamento base situado en Narón, na Area Recreativa do Pedroso, illados da civilización sen teléfonos móbiles nin comodidades. Para sobrevivir terán que enfrontarse a probas diarias que os levarán ao límite. Nelas non só van ter que demostrar a súa capacidade física, senón tamén a súa forza mental e a súa destreza para tomar decisións acertadas baixo presión.

A proba principal de cada programa vai desenvolverse en paisaxes desafiantes e fermosos de Galicia, onde o entorno hostil e a meteoroloxía adversa engaden unha capa extra de dificultade a cada reto. «Neste programa vimos cousas moi tolas: baixar ata 15 quilos de peso, lavar os dentes con xabón, durmir baixo a choiva por non aturar ao resto dos compañeiros… Ata tivemos que paralizar probas para que entrara a ambulancia a levarse concursantes ao hospital!», comenta Gandalf Gambarte, un dos directores do formato. 

Os Nécoras versus Os Raposos

A primeira proba que teñen que disputar os concursantes vai ser decisiva, xa que xogarán por acadar un dos dous colares de líder. Estes colares simbolizan os dous equipos nos que van ter que dividirse: o equipo dos Nécoras e o dos Raposos. As persoas que gañen o colar serán os primeiros líderes de Salvaxe e os encargados de elixir aos integrantes do seu equipo.

Os resultados desta proba serán decisivos tamén á hora de coñecer onde vivirá a experiencia cada grupo, xa que un gozará de teito, «o campamento da cabana», mentres que na outra localización, «o campamento do río», terán que durmir á intemperie. Non obstante, a situación pódese inverter en calquera momento, xa que nas sucesivas probas e programas, o campamento volverá a estar en xogo.

Este primeiro programa amosará outras dinámicas que afectarán ao desenvolvemento dos acontecementos. Vai ser vital a loita por ter o maior número de moedas coas que conseguir recompensas e así poder ter uns mínimos de comida ou comodidades. Loitarán moito e precisarán dun bo capitán que poida administrar de maneira intelixente os recursos para o equipo. Neste espazo os retos son constantes e cada salvaxe terá que demostrar a súa valía. Haberá probas nas que loiten polas recompensas e outras coa posibilidade librarse da expulsión, e galas nas que votarán e se enfrontarán aos seus compañeiros para descubrir quen é un verdadeiro salvaxe.

A convivencia: o gran reto

Salvaxe non é só un concurso de supervivencia física, senón tamén de convivencia, xa que só un pode gañar, polo que os compañeiros tamén son rivais. Nun ambiente tan extremo, as relacións entre os membros de cada equipo probaranse constantemente. E máis aínda sendo un grupo de salvaxes tan variado, no que se atopan dende un policía ata un científico, unha modelo, unha cociñeira ou un hortelán, todos dispostos a sacar os dentes e proclamarse gañadores. «O maior reto é ter a fortaleza para convivir as 24 horas do día sendo gravados nas peores condicións: cheos de fame, frío e lama con persoas que non coñeces. Ao longo das semanas de convivencia houbo de todo: traizóns, amizades de por vida, ligoteo… cada vez que alguén marchaba, todos acabamos chorando, eu o primeiro. Porque o mellor deste programa é, coma sempre, as persoas!», apunta Gambarte, emocionado. 

María Lamela, presentadora

A xornalista María Lamela, un dos rostros máis recoñecidos da grella nacional actual, guiará aos participantes a través de cada proba, xestionando a tensión e os conflitos. O seu rol será conectar todas as emocións e aventuras que vivan os concursantes e transmitilos dunha maneira próxima á audiencia, asegurando que os espectadores sigan de cerca cada paso.

Un formato innovador

Producido por Voz Audiovisual en colaboración con The Mediapro Studio, Salvaxe foi seleccionado no Spain Fresh TV Showcase, no marco do MIPCOM Cannes 2024, como un dos contidos de entretemento máis orixinais presentados no certame francés, o mercado internacional de coprodución e contidos de entretemento por excelencia. 

Salvaxe non só rompe cos convencionalismos dos programas de supervivencia, senón que tamén aposta por un contido que combina os elementos competitivos cos culturais e naturais, mostrando a esencia de Galicia. «O programa creámolo amantes dos realities de aventuras, así que cremos que gustará aos fans do xénero: sumamos sinerxías entre Voz e Globomedia, cun equipo de máis de 130 persoas e moitísimo talento novo», apunta Mariano Mejías, director do formato. 

Despois da estrea en TVG, os espectadores que queiran volver ver o programa poderán facelo en AGalega.gal, a plataforma dixital de contidos da TVG. Pódese seguir a actualidade do programa seguindo a conta de redes sociais @salvaxetvg en Instagram, Tik-Tok e X.