Miguel Figueira, adestrador do Xuvenil A do Deportivo: «Se hai xogadores que non son opción para arriba, é que algo facemos mal»
CANTERA
«¿Como podes convencer a un rapaz de que neste club ten futuro? Vendo que outros compañeiros chegan ao primeiro equipo e son importantes», afirma o exfutbolista e técnico
05 ene 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O exfutbolista Miguel Figueira (Mazaricos, 1974) cumpriu o soño de volver ao Deportivo, onde vestira a branquiazul naquel Fabril que se quedou a piques de subir a Segunda na segunda metade dos noventa. Agora acaba de chegar ao banco do xuvenil A, co que afrontará o sábado día 11 os dezaseisavos da Copa xuvenil contra o Sporting en Abegondo. «É o terceiro do noso grupo, así que o factor sorpresa non existe. Vai ser unha eliminatoria moi igualada», sinala antes de dar a súa diagnose sobre o traballo de canteira no club.
—Hai xogadores moi prometedores no Dépor, pero tamén un cambio na mentalidade colectiva.
—Si, pero nós non podemos facer milagres. Se un rapaz non quere estar aquí e quere ir a Vilarreal, a Barcelona ou a onde sexa, se vai ir. ¿Como podes convencelo de que neste club ten futuro? Vendo que outros compañeiros chegan ao primeiro equipo e son importantes. Neste momento está a pasar iso. Así no día a día os adestradores podemos dicir: «Imos un pouco máis, máis, máis…» No xuvenil B lles dicía aos xogadores: «A finalidade non é gañar, senón subir cantos máis xogadores ao xuvenil A». Agora, o mesmo. Se un xogador está nun nivel bo, que estea aínda mellor para chegar ao Fabril, e o do Fabril o mesmo para chegar ao primeiro equipo. Se temos xogadores nas categorías inferiores que non son opcións para estar arriba é que algo estamos a facer mal. Neste momento se está seguindo na base unha liña ascendente e se está a reflexar no primeiro equipo, e os xogadores ven que o traballo diario ten o seu premio. Cando temos baixas, ou cando sobe algún que está promocionado máis arriba, é una oportunidade para outro, e tamén é un aliciente para o adestrador.
—Como son os rapaces respecto á súa etapa como xogador?
—Hai un entorno que antes non estaba, que son os representantes, e as redes sociais, que antes non había. Hai que educar, tamén dentro do club con charlas sobre como se poden usar esas redes, e os representantes teñen que ter en conta de cales son os límites e as apostas de cada clube. A nós tócanos explicarlle aos rapaces por qué teñen que estar aquí, aínda que eles están moi convencidos. Eu non coñecía o Levante, pero viñeron a vernos porque destacáramos, porque fixéramos un play off moi bo, pero se non fas play off, igual non saes de Galicia naquela época. Agora si, agora che di un infantil ou un alevín: «Me voy al Villarreal». «¿Pero tú sabes dónde está Villarreal?», lle dis. Non o saben, pero o representante lle dixo que era bo para el e que ía estudar e… Penso que agora xa non. Penso que os rapaces teñen ilusión ata por ir de recollepelotas a Riazor, e iso é bonito.
—No persoal?
—A nivel de adestramentos prácticamente o mesmo: a liña de traballo e a metedoloxía son as mesmas. E a relación con Manuel Pablo no A sempre foi moi cercana, porque adestrabamos ao mesmo tempo, no mesmo campo e compartiamos xogadores. O que cambia é que pódese preparar máis os partidos, hai máis medios para ver os rivais. No xuvenil B te centras máis no teu equipo, pero en división de honor teñen que aprender outros aspectos do xogo e mellorar naquelas cousas que teñen que mellorar. E iso son máis horas de traballo: ver partidos de rivais e os teus é o cambio máis grande.
—Hai xente que valora a tempada do xuvenil A en función do resultado que tivo co Celta, vostedes veñen de perder por 3-0…
—O equipo está moi ben. Hai moitos rapaces que están dando o salto, moitos con proxección a un futuro cercano a dar o salto, e en xaneiro ou febreiro recuperaremos todos os equipos a xogadores importantes que darán máis fortaleza ao equipo. Se fixo unha gran primeira volta con Manuel Pablo e a nosa chegada, pero si que é certo que no partido do Celta non estivemos a bo nivel e foron superiores coma equipo. O máis importante é que hai expectativas de superar o que se fixo nesta primeira volta e de que o equipo vaia a máis.
—O Dépor e o Celta se reparten case en exclusiva os campionatos da categoría, sempre por diante do Sporting, o Racing de Santander… ¿estamos ante unha explosión do fútbol galego?
—O ano pasado a División de Honor se decidiu nun gran tramo final do Dépor e un baixón inesperado do Racing de Santander. Quedaban cinco ou seis partidos i este tiña que vir a Galicia a xogar en Nigrán, Arousa e a Santiago, e perdeu o título en Galicia. Este ano o Racing volver a ter moi equipo, pero está a unha distancia. Por iso, tendo nós xogadores dando pasos adiante cara arriba, poderíamos dicir que unha segunda unidade está dando un moi bo nivel en División de Honor. Iso fala de que o traballo que está detrás é moi bo.
—O pique entre os dous grandes de Galicia está a subir o nivel de ambos?
—Por datos, o Dépor está sendo moito mellor que o Celta, e o proxecto máis importante do Dépor é esta cidade deportiva e estes rapaces. Haberá que ver cómo estamos dentro de dous, tres, catro anos, pero agardemos seguir algún chanzo por diante do Celta e con rivalidade sa. Ademais, hai moitos outros clubs que están traballando moi ben. Canto mellor lle vaia e mellor o fagan os equipos próximos, máis competencia vas ter e máis vas subir o nivel.
—Como é de importante para a base que o Deportivo se consolide na elite?
—O primeiro equipo é o estandarte, e canto máis arriba e máis consolidado, mellor para todos. Agora voltamos ao fútbol profesional, e non sei se este ano ou o que ven, pero estou convencido de que o Dépor volverá ser un dos grandes da Primeira División. O club está poñendo as bases para que non retrocedamos, porque moitos equipos fan dos, tres ou catro anos bos, pero se acaban as fichaxes e todo morre. O Dépor está chamado a fortalecer a súa estrutura e chegar arriba. Este ano está tocando ir máis a modo, pero canto máis arriba, mellor, aínda que sen tampouco ter unha necesidade de urxencia diaria de conseguir un resultados si ou si. Esa base da tranquilidade e a xente da tranquilidade dende fóra.
—A derrota forma parte do proceso?
—Si, pero non vou poñer excusas, porque foron superiores. O partido aprazouse no seu momento e se xogou na metade dunha semana na que xogabamos co Racing de Santander e o Oviedo, partidos de máxima exisencia e nós iamos moi xustos de xogadores. Dos tres partidos se deu un nivel alto en dous: contra o Racing de Santander se gañou 3-0 e en Oviedo foi espectacular cun 0-4 despois de perder en Vigo. Pero naquel partido o Celta foi domiñador e hai que entendelo como parte da competición. Non creo que porque ese partido saiu así eles teñan mellores xogadores que nós. Foi un momento no que eles impuxeron o seu estilo, pero a nivel de formación ese partido nos vai a valer para apretar cousas que non estaban todo de todo ben, pero o equipo reaccionou moi ben en Oviedo e estou moi contento.
«Todos sabiamos o xogador que era Guerrero, pero agora as súas pernas son outras»
Xa no banco, pero antes de chegar ao Dépor, Miguel estivo a piques de ascender a Segunda B ao Bergantiños, pero nunca deixou de adestrar a rapaces: primeiro en Levante e Figueres, e xa de volta a Galicia, en Arteixo e Carballo, ata que Fran e José Manuel Pose, responsables da base branquiazul, se cruzaron no seu camiño. «É o que realmente me fai sentir ben no día a día: ver a súa evolución. Foron seis meses no infantil moi bos, e en xaneiro, porque sube Álex Antón ao primeiro equipo, me din se quero coller ao xuvenil B. E o collo, e estes dous anos atrás tiven dous equipazos tremendos, axudantes espectaculares, e estarei no Dépor ata que eles queiran. Eu estou encantado».
—Nos últimos anos saíron do Deportivo xogadores chamados a ser grandes centrais, se paliou esta eiva?
—Si, agora mesmo Samu Fernández, que está no xuvenil A, ten opción clara de estar no Fabril, e xa foi convocado polo primeiro equipo, é o xogador con proxección máis importante de poder dar o salto a corto prazo. E hai outros como David e Iker (este de primeiro ano). Hai dous ou tres anos, marcharon xogadores chamados a ser importantes. Eles non estaban convencidos de poder saír e probablemente se fose nesta época ao mellor poderían cambiar de opinión vendo que Barcia sae, que Samu ten opcións importantes, que están Pereira, Marotías e Aarón no Fabril que poden dar o salto en calquera momento. A veces se poden arrepentir cando marchan, pero hai que desexarlles o mellor, non se pode gardar rencor, porque son xogadores da Coruña e que nalgún momento se lles pode abrir a porta se eles queren e o clube o cre oportuno.
—O seu dianteiro, Rubén Fernández, marcou catro goles nun partido fai pouco.
—Tiña que ter marcado algún máis. Hai que esixir máis. Con Rubén teño unha relación bonita, pero ao mesmo tempo son moi esixente, porque creo moito en el. Ten un don, que é o gol, pero ten que facer moitas máis cousas, porque a veces o gol se resiste. Está aportando cousas ao equipo e o club lle está a dar un valor, pero aquel partido gañamos 4-3 e tiña que haber marcado algún máis.
—Guerrero é o xogador de moda.
—Si, é todo potencia. Pegou un cambio moi grande nestes dous últimos anos a nivel físico, todos sabiamos o xogador que era, pero as súas pernas agora son outras. Eso fala moi ben do traballo da estrutura de Abegondo, non so a nivel técnico e táctico, senon a nivel condicional. Hai un departamento neste aspecto que vive no día a día e fai probas continuas. Guerrero é un claro exemplo de como un xogador se pode seguir mellorando dende o traballo diario. Ten que seguir mellorando dende o punto de vista da concentración e atención e ser máis constante, pero é un xogador tan explosivo que é difícil que o sexa durante 90 minutos. Pero hai tamén outros xogadores que poden chegar arriba: Noé, xuvenil de terceiro ano, que ahora está lesionado, creo que é moi importante no Fabril, e a lesión lle veu nun momento no que estaba a un nivel moi alto; está Mardones tamén; está Pablo García; hai moitos xuvenís con opcións claras de ser importantes non so no Fabril, senón no caso de Adri Guerrero veremos se, é certo que arriba hai moito potencial en banda, pero nalgún momento que Mella, Yeremay, Soriano ou Gauto non estén, pode ser opción, pero traballando duro e día a día, que non se relaxe para que cando o chame Óscar non lle teñamos que dicir: «Esta semana estivo vago». Iso é o fútbol, cando menos o esperas te chaman de arriba. Se estás ben, adestrando así, sempre estás preparado.