«Marea negra» recolle as visións dos fotoxornalistas na crise do «Prestige»

VIGO

M. MORALEJO

A mostra está organizada polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e Burla Negra A Casa das Artes acolle as 102 fotografías que compoñen esta exposición

17 mar 2003 . Actualizado a las 06:00 h.

MArea negra non é só unha exposición fotográfica. É un tributo, un agradecemento e un testemuño relacionado cas mareas negras provocadas polo afundimento do Prestige . O decano do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, Xosé María Palmeiro, indicou onte, na inauguración da exposición na Casa das Artes, que o sentido da mesma era volver a mostrar a solidaridade cos afectados pola marea, pero tamén un agradecemento ós xenerosos voluntarios que recibiu Galicia.«Mais tamén é un tributo ó traballo dos fotoxornalistas que souperon iluminar, coa súa denuncia, aquelas negras xornadas. É tamén un elemento que axudará a lembrar o ocurrido, na seguridade de que saberemos superalo», suliñou Xosé María Palmeiro. A exposición recolle as visións da marea negra que recolleron coas súas cámaras os fotoxornalistas galegos. En total, 102 fotografías asinadas por 57 xornalistas. Aínda que anteriormente, unha pequena parte, poido ser vista en cidades como Málaga, Barcelona ou Sevilla, é en Vigo onde a exposición recolle por primeira vez tóda-las imaxes que a compoñen. A mostra continuará, a partir do 30 de marzo, por Santiago, Lugo, Ourense, Ferrol e outras cidades do Estado. Chapapote informativo Xosé María Palmeiro afirmou que esta exposición tamén ten a finalidade de denuncia-lo «chapapote informativo» que, en algúns medios de comunicación, sufriu Galicia durante as sucesivas mareas negras que asolagaron as costas galegas. O decano do Colexio de Xornalistas amosouse satisfeito de que a exposición arrancará en Vigo «porque teño unha querencia especial por esta cidade na que tantos anos traballei e na que sigo residindo».O Concello de Vigo colabora esta exposición, que está organizada polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e o colectivo Burla Negra. O alcalde de Vigo, que tamén asistiu a inauguración, manifestou que esta exposición é «un berro de solidaridade e de liberdade de expresión». Lois Pérez Castrillo indicou que a labor desenvolvida polos fotoxornalistas durante as mares negras «foi fundamental para difundi-la verdadeira dimensión do desastre». «Desde Vigo queremos impulsar este berro para que non volva a ocurrir, queremos progreso pero sostido para que as seguintes xeracións teñan un futuro», manifestou o alcalde de Vigo.