A Xunta e a CEG colaboran na formación de persoas en risco de exclusión social

La Voz

VIGO

A consellería financiará con 120.000 euros as actividades da Confederación de Empresarios María José Cimadevilla e Antonio Fontán asinaron o convenio en Santiago

24 oct 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

A Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais e a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) colaboran no desenvolvemento de diversas accións de preparación e formación para o traballo de persoas ou grupos en situación de exclusión e/ou beneficiarios da renda de integración social de Galicia. Así se recolle nun convenio asinado recentemente entre a titular do departamento autonómico, María José Cimadevila, e o presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, Antonio Fontenla. Para a realización destas actividades o departamento autonómico achega un total de 120.200 euros, que se reparten entre as confederacións de empresarios das catro provincias galegas do seguinte xeito: as confederacións de empresarios das provincias da Coruña e de Pontevedra reciben 36.060 euros cada unha, mentres que para as provincias de Lugo e Ourense achéganse 24.040 euros en cada caso. Este orzamento está cofinanciado polo Fondo Social Europeo. Risco de exclusión Segundo se recolle no convenio, as confederacións de empresarios provinciais encargaranse de realizar accións de capacitación e habilidades profesionais nos sectores con máis posibilidades de inserción laboral, dirixidas a persoas en risco de exclusión social. As accións, que teñen un alto contido práctico, faranse en función da demanda do mercado laboral e do coñecemento e especialización de cada confederación provincial, así como do perfil dos beneficiarios. O obxectivo principal que se persegue con estas iniciativas formativas é logra-lo acceso ó emprego dos participantes nas accións formativas. A formación ten como obxectivos específicos a capacitación dos beneficiarios nunha profesión ou oficio e a súa inserción laboral a través do adestramento en habilidades e técnicas de busca de emprego. A selección dos beneficiarios farase individualmente, en función das súas capacidades e da adecuación do seu perfil a cada un dos cursos de formación específicos a implantar. Os equipos municipais e provinciais de intervención do I Plan de Inclusión Social serán os encargados de levar a cabo esta selección.