Sonora 07

JULIO GÓMEZ

VIGO

CRÍTICA MUSICAL | O |

13 abr 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

O FESTIVAL Sonora na Universidade de Vigo, que celebrou o mércores e o xoves a terceira entrega do que xa se está a converter nunha cita imprescindible coa música independente. Na primeira xornada, Sonora abriuse coa actuación de Abraham Boba. O vigués afincado en Barcelona ofreceu unha hora longa de lánguido pop de cámara que destilaba swing, melancolía e elegancia a partes iguais. Despois, Micah P. Hinson fixo botar lume aos asistentes que se atopaban no Auditorio Roberto Vidal Bolaño. Comenzou o concerto case que despoxado de toda instrumentación, rasgando minimamente as cordas da súa guitarra para atacar varios dos temas do seu último disco, Micah P. Hinson and the Opera Circuit . As versións ultracortas, delicadas e intimistas de estas cancións serviron de prólogo para un progresivo crescendo polo que foron desfilando todos os seus hits, os «antigos» e os novos: Dont you, i¿m digging a grave in the moonlight (esta especialmente eléctrica, rozando o anfetamínico na súa execución), The possibilities , Don¿t leave now , Beneath the rose , etc. A súa voz, a dun fillo imposible entre Frank Sinatra e Kurt Wagner, cargada dunha sonoridade impropia nun mozo de vintecinco anos, chea de matices e recunchos, acadou o seu punto de máxima entrega chegando ao remate do show: unha estremecedora Patience coa que pechou entre berros de ultratumba a actuación, e a belísima versión que fixo do Suzanne de Leonard Cohen que, case a capela e con todo o público co corazón parado, ofreceu como único bis. Dúas horas inesquencibles. Ao día seguinte, teloneando ao ex-cantante de Hefner actuaron The Wave Pictures, brit-pop de toda a vida posto ao día con intelixencia e enerxía. Logo chegou Darren Hayman. O mozo ferido por mil historias de amor imposibles voltou rabioso ao escenario e agora sustituiu as pezas cuasi-perfecta de tres minutos por temas máis contundentes, con intimidantes liñas de baixo e unha guitarra eléctrica emporcada de distorsión que producen o contaxioso efecto de poñer a mover o esqueleto compulsivamente.