O «Play-Doc» ofrece a primeira oportunidade de comparar documental e vida no musical

VIGO

14 mar 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

A teoría de que xa só quedan dous xéneros, propaganda e denuncia, queda reforzada porque alguén conseguiu unha síntese entre eles. Os espectadores que hoxe se sintan chamados a ver o documental de La Colifata , esa emisora de radio operada por xente normalmente tola, xusto porque viron como un refresco deportivo apaga a sede de bebida e a de salvación ao mesmo tempo facendo un anuncio sobre ela, concordarán comigo en que hai algo literalmente perverso en que sexa unha multinacional do comercio da sede a que poña en circulación unha idea tan pouco capitalista como a do sanatorio bonaerense.

A outra idea que reforza a redución ao bipartito dos xéneros é que no documental aparece Manu Chao, que tamén ten un excelente cartel entre as causas perdidas que non o son tanto. En calquera caso, ningunha das circunstancias alleas á esa emisora invalida a súa existencia, nin as súas intencións. Nin que alguén decidira facer un documental para explicalo. Nin tampouco queda invalidado polo feito de que a publicidade sexa un medio tan efectivo de transmisión de contidos. Ao cabo para iso é a propaganda.

Kowalski sen bebida refrescante algunha ofrece hoxe un xogo que ten algo que ver coa distancia entre Occidente e Oriente sen saír de Europa. Sobre as pantasmas do cada día máis vello continente. On the Hitler's highway toma unha autopista construída polos nazis para facer máis fácil a dominación de Polonia e que agora é un dos principais nexos de comunicación con Occidente. Que previsores estes malvados. Onde hai camiño hai historia e aquí cóntanse varias: ningunha feliz, ningunha abeirada e esa idea do benestar occidental. Máis ben no seu reverso. É un reverso sen propaganda. Só queda a denuncia.

O Play-Doc ofrece a primeira oportunidade de comparar documental e vida. No musical, cando menos. The father, the son & the talent é unha longametraxe sobre Jimmy Rosenberg e o seu talento natural para a guitarra. Foi neno prodixio e, en certo xeito, ese foi o principio do fin. O mellor da oportunidade e que, trala proxección, o concerto de The Rosenberg Trío deixará claro cal é o ambiente musical do documental.