«O libro quere dar coñecemento de Galicia para crear conciencia»

La Voz

VIGO

M.MORALEJO

O filósofo xesuíta presenta hoxe o seu traballo «Galicia. Raíces e compromiso»

11 mar 2016 . Actualizado a las 04:00 h.

A Casa do Libro acolle a partir das 20.00 horas a presentación do libro Galicia. Raíces e compromiso (Ir Indo), de Manuel Cabada Castro. Xunto co autor intervirán o editor Bieito Ledo e o escritor Xosé Luis Méndez Ferrín.

-¿Cal é a idea do libro?

-O meu é a filosofía, pero cando impartín clase na Complutense tiven que dar Antropoloxía, e por aí funme metendo no tema a través de Galicia. No libro, dende esa perspectiva, fun mostrando que aquí hai unha cultura distinta e moi antiga que as veces quere barrerse.

-¿Influiulle o seu tío, o poeta e galeguista Cabada Vázquez?

-Foi un dos fundadores do Partido Galeguista, e eu oíralle falar a meu pai del, aínda que so me dicía que estaba metido en política. Tiña un libro de poemas, Vagalume, e entroume a curiosidade de saber quen era. Foi cando empecei a ver.

-¿E que viu?

-Fun vendo que no tempo da república houbo un gran movemento e comecei a interesarme. ¿Como é posible que eu tivera todo iso ocultado? Eu tiña unha especie de resquemor, pensaba que me tiveran enganado, paseime gran parte da miña vida sen saber nada da miña terra. Fun vendo cousas e dándolle voltas nese cotexto, máis ben filosófico, e pensei que se podía facer algo para que a xente estivera ao tanto desto, dunha maneira simple pero ao mesmo tempo documentada do que é Galicia. Este libro é coma se Galicia quixera expresarse a través dun autor.

-Di Ferrín na introdución que é o libro definitivo sobre a patria común. ¿Que opina?

-El di que axudará a pensar nestes asuntos. Por exemplo, o nacionalismo galego denuncia que no pobo hai pouca conciencia de Galicia por descoñecemento, e eu tamén o percibo. Os galegos teríamos que enterarnos de quen somos e o libro vai nese sentido, pretende dar coñecemento para crear conciencia.

-¿É Galicia vítima da Historia?

-Foi vítima dunha serie de azares, moitas veces casuais. Por unhas circunstancias históricas moi concretas foise metendo en Galicia outra cultura allea. Os historiadores actuais sinalan as diferenzas incluso políticas. O mesmo nome é máis antigo que Cataluña ou o País Vasco. A historia foise deformando porque está escrita polos vencedores. Agora que hai máis liberdade, convén facer un estudo de nós mesmo cos datos, e se ve que non coincide con moitas visións que están fora.

-¿Que fixeron dende fóra?

-Os Reis Católicos tiñan moi metida Castela neles e quixeron subordinalo todo. Coincide coa conquista de América e hai unha unión de feitos e de estruturas mentais. Escribín este ano un libro sobre as misións xesuíticas en Galicia que comezaron no século XVI misioneiros que case sempre eran casteláns. Na argumentación que mandan a Roma, chámannos, pero non so unha vez, os indios de Europa porque tiñamos outras costumes e outro idioma. A nobreza galega era feudal como o resto, pero era de aquí ata que os cambiaron por outros de fora. Foi cando empezou esa especie de disglosia, os de arriba falaban castelán e os de abaixo, o galego, así que querían aprender o castelán para ascender.

-¿E que futuro temos?

-No plano político se houbese un respecto e unha comprensión maior coas autonomías máis diferenciadas dende arriba... O futuro depende de como sexan as políticas. Por exemplo, que problema habería que fose oficial o galego, non cooficial.