Ledicia Costas: «Intento ter os pés na terra pero o cerebro vai por libre, coma un globo»

Bibiana Villaverde
bibiana villaverde VIGO / LA VOZ

VIGO

XOAN CARLOS GIL

Conta cunha imaxinación poderosa que bebe da súa infancia no rural vigués; estrea libro infantil en setembro mentres prepara a súa segunda novela para adultos

25 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Non hai vacacións de verán para Ledicia Costas (Vigo, 1979). Ao menos non no concepto común das vacacións. «Son vacacións para escribir, e para min son auténticas vacacións. Durante o ano, ando de aquí para alá e teño menos tempo, as vacacións permítenme estar concentrada, traballando nas miñas historias». Esas personaxes, escenarios e tramas flúen na súa imaxinación dende que era unha nena. Era unha adolescente cando escribiu a súa primeira obra, Unha estrela no vento. «Intento ter os pés na terra pero teño un cerebro que vai por libre e escápame coma un globo. Pasábame de nena e adolescente, non era capaz de prestar atención na clase porque estaba construíndo os meus propios mundos. Segue pasándome, aprendín a controlalo pero o levo de serie. É unha loita continua entre cerebro, imaxinación e corazón».

A súa é unha loita vital na que venceu o mundo da fantasía. Avogada por presión social e amante das letras por vocación, agora ten dous proxectos entre mans para este verán: unha colección de historias infantís que versan sobre a morte e que sairá en setembro e unha novela para adultos que verá a luz a finais do 2021. Será a segunda para maiores tralo éxito de Infamia, inspirada no caso de Marta del Castillo. «Grazas a estudar Dereito escribín Infamia, que ten unha protagonista que é profesora de Dereito Penal. Se eu non estudara Dereito, esa obra non sería igual».

O ritmo desta muller de voz pausada é trepidante. Inmersa nas súas próximas obras, compatibiliza a escrita coa promoción do último libro que acaba de publicar: Vampira de biblioteca. A protagonista é unha pequena vampira que coida e protexe os libros, e que ten como amigo a un avó que se sente só ante a adicción ás pantallas dos seus netos. «Eu fun unha adolescente enganchada aos videoxogos, e aínda xogo, pero isto non pode substituír os momentos de lectura dos nenos».

Entre o humor e a morte

A inspiración a Ledicia Costas chégalle, moitas veces, do outro mundo. Amante dos cemiterios, a escritora aproveita cada visita a unha nova cidade para coñecer os camposantos. «Os galegos levamos a relación coa morte e co alén no ADN», explica, «eu tamén lle teño medo á morte, pero quizais por iso escribo estes libros do humor, para compensar». A relación co máis alá está moi presente na súa obra Escarlatina, a cociñeira defunta que lle valeu o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil no ano 2015, e lle regalou historias emocionantes coma a dunha pequena lectora á que este libro lle axudou a superar o falecemento do seu pai. «A morte segue sendo un tabú porque aos adultos nos custa moito traballo falar disto. Como se lle explica a un neno que lle morreu un avó? A literatura é unha ferramenta extraordinaria, a chave é cómo facelo». Ela escolle facelo con humor.

ARCHIVO FAMILIAR

A mesma temática, de humor e morte, será a liña argumental dunha colección de libros que sairá á volta do verán. Relatos inspirados no alén, que transitan polo outro mundo. A colección se chama Os Minimortos e terá varias entregas, a primeira será Benvido ao outro barrio. «Pensei que tiña que explorar o universo que iniciei con Escarlatina pero para lectores máis pequenos. É o mesmo mundo, o dos mortos, con moito humor».

Ledicia Costas escríbelle á nena que foi, á que creceu na parroquia viguesa de Beade. «Eu crieime no rural vigués, iso marcou a miña vida adulta. Saltaba o muro e estaba no monte, lía ao pé dos piñeiros ducias de libros mentres comía froita. Iso está nas miñas historias». Tamén lle escribe á nena fan do Xabarín Club, da TVG, de Dragon Ball e Arale. «Somos fillas do noso tempo e está ben que as vidas vaian fuxindo. Sempre nos parece que a nosa infancia é a mellor pero iso é falso». Sen nada de melancolía, Costas consegue chegar a uns nenos cos que se leva décadas. Como conservar esa conexión cando un é adulto? «O que nos move son as emocións, probablemente o que te emocionaba cando eras adolescente é o que emociona a un neno hoxe en día», explica.

 

Un nome e un destino

Finalmente chamouse Ledicia, pero podería ter sido Olaia. «Meus pais estaban entre os dous nomes, querían poñerme un nome galego aínda que eles me falaran en castelán. Isto marcou o meu futuro de forma irremediable. Estou orgullosa do meu nome». A pesares de ser unha das escritoras galegas máis traducidas a outras linguas, segue escribindo en galego, e confesa que seguirá facéndoo, a pesar da perda de falantes do idioma propio. «Se renuncio á lingua renuncio a todo. É o que me dignifica e singulariza. É certo que as novas xeracións teñen máis dificultades en galego pero para iso están tamén os libros. Son pequenas accións que conseguen grandes cousas».

A súa canción

«Desesperadamente», de Amaro Ferreiro. «Todo ese álbum me acompañou durante todo o confinamento, xusto saíu antes de que nos confinaran. Escoiteino moito todo o encerro. É unha canción que fala de emocións e eu creo que as emocións moven ás persoas e moven o mundo. Gústame moitísimo».