Samuel Soto resume nunha canción a vida de Xela Arias

Jorge Lamas Dono
jorge lamas VIGO / LA VOZ

VIGO

M.MORALEJO

O músico fai dende hai tres anos cancións para ás Letras Galegas

13 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

«Letras galegas 2021 Xela van para ti», di o estribillo da canción dedicada por Samuel Soto á muller protagonista este ano do Día das Letras Galegas. Dende hai tres anos, este músico profesional compón unha canción sobre a figura elixida pola Real Academia Galega para celebrar a escrita en idioma galego. Este costume naceu por casualidade, ou mellor dito, por un descarte. «Empecei hai tres anos co homenaxe a Antón Fraguas. Eu, daquela, traballaba con Queiman e Pousa, e me encargaron unha canción para o Día das Letras Galegas, pero finalmente, levaron outra para o seu espectáculo, polo que decidín movela eu», sinala o compositor de Quiroga.

A partir de aí, gravou a canción, fíxolle un vídeo e comezou movela. «Foime moi ben porque conseguín miles de reproducións en centros galegos de todo o mundo e en moitos colexios», explica Soto. A partir de aí, repetiu o ano seguinte coa figura de

Carvalho Calero, «e volveu aínda foi mellor o tema». Así que este ano tocáballe a Xela Arias, non só porque el o pedira, senón porque xa había colexios que o reclamaban. E novamente, o seguimento nos centros educativos foi grande, incluso, nalgúns deles fixeron a súa propia versión do vídeo orixinal da canción.

Mais antes, tivo moito traballo por diante. «Para facer a canción, informeime moito sobre Xela Arias, e quedei sorprendidísimo da súa inmensa obra con tan pouca ideade», afirma Samuel Soto. «Despois, cunha guitarra busquei as harmonías, os acordes e empezou saír a canción», engade. Sinala o músico que a composición é algo moi presente na súa traxectoria, xa que ten composto para moita xente en Galicia.

Chegou despois a letra da peza, antes de afrontar a gravación da mesma. Nesta tarefa, asumiu todos os instrumentos intervintes, salvo as diferentes percusións e unha achega vocal na parte final da canción. «Contei nas percusións con Jesús Alonso (Suso Feixón), que foi batería Na Roda e membro de Pé de Pau; e na voz final tamén meteu a súa voz grave Olegario Carrera», sinala o compositor.

Samuel Soto é agradecido e recorda a axuda recibida tanto da A.V.V. A Miñoca de Vigo «porque me deixou a súa biblioteca para facer o videoclip», como da Fundación Penzol. «Axudáronme moitísimo, e para futuras edicións recorrerei a eles para documentarme porque teñen moitísimo material de todos os escritores galegos», descobre o músico.

A canción ten unha obxectivo didáctico que vai moi ben para os centros educativos de primaria. E o saben nos colexios, por iso houbo moitos que estaban expectantes ante a saída da cancións. «Houbo quen me chamou para preguntar cando ía estar preparada a canción», recoñece Samuel Soto.

Ademais de estar nas redes sociais (Youtube), o músico acude aos centros onde o convidan a tocar. De feito, hoxe estará nun colexio de Baíña, en Baiona. Para a ocasión, acudirá acompañado do grupo de integración Ardelume, no que tamén exerce como profesor musical.