O grupo de Dani Valladares e Jacobo Mouriño conmemora a Méndez Ferrín no tema ?Retorno a Tagen Ata?, no que o escritor recita pasaxes do libro
25 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.A música naceu co ser humano, coma unha ferramenta imprescindible para comunicar aquilo que non se pode transmitir simplemente coa linguaxe. Poucas cousas son tan universais como a música, e por iso ten unha capacidade especial para tecer vínculos entre as persoas. Dani Valladares e Jacobo Mouriño coñecéronse na escola infantil e medraron xuntos no barrio de Torrecedeira. Pero non foi ata a adolescencia cando descubriron cadansúa vocación polo heavy metal. A partir de aí comezaron a tecer unha amizade que os segue unindo ata o día de hoxe. Dani e Jacobo forman Dioivo, banda de «metal estremo en galego» e unha das máis prometedoras de Vigo.
«Non había moitos metaleiros no noso curso», lembra Jacobo, «así que comecei a falar co único tío que levaba camisetas negras». Jacobo recibira clases de guitarra clásica de pequeno. Aquelas cancións de conservatorio non lle dicían moito, pero a cousa cambiou cando se fixo cunha guitarra eléctrica e comezou a rasguear -e tras coller algo máis de destreza, puntear- os clásicos duros de Guns N’ Roses ou AC/DC. Pola súa banda, o de Dani xa viña de familia: o seu pai, que era manager dunha banda de hard rock, adoito levábao a escoitalos tocar. «O batera do grupo deixoume a súa batería vella no sitio onde ensaiaban», conta o percusionista. Entre os muros daquel edificio abandonado que funcionaba de lugar de ensaio furtivo, foi curtíndose na arte das baquetas. Jacobo foi un dos primeiros aos que convidou a acompañalo coa guitarra, pero non o único: «Veu e marchou moita outra xente que tocou con nós, pero ao final sempre quedabamos nolos dous», presume Jacobo, orgulloso da inefable compenetración co seu amigo e compañeiro.
Así as cousas, decidiron tirar eles sós, pero formar unha banda con soamente unha guitarra e unha batería non era unha tarefa fácil. Máis nun xénero coma o metal, caracterizado pola densidade e intensidade dos seus sons. Por iso tiraron polo black metal, un subxénero «no que se leva máis a baixa fidelidade e as gravacións de estilo caseiro», explica o guitarrista. Así, «a pelo», decidiron no 2016 presentarse ao concurso Musicando a Rosalía, organizado polo Concello de Vigo. Propuxeron a súa candidatura baixo o nome Dioivo, un dos nomes que se empregan para falar das chuvias torrenciais galegas. Non tiveron moita sorte na competición, pero desa primeira experiencia en dúo saíu o seu primeiro EP, Dioivo I (2016), gravárono, pagárono e editárono eles, sen o apoio de ningunha discográfica. «Mercamos 50 discos en branco e 50 caixas de plástico en Amazon, imprimimos carátulas, vendímolos todos nos bolos que iamos dando, e fixemos outros 50”, recorda Dani. Para o 2019, xa se fixeran máis coñecidos a base de concertos, saíndo incluso de Galicia e chegando a oídos do selo estatal Darkwoods. Con eles publicaron os seus dous seguintes traballos, Dioivo II (2019) e Dioivo III (2021).
O metal é un dos xéneros máis estigmatizados da música moderna, pero Dioivo loita por desfacer eses estereotipos: «É un xénero que xurdiu da clase obreira, de xente inadaptada que buscaba novas formas de expresarse», explica Jacobo, e «por iso desafían as normas sociais». De aí vén toda a imaxinería satánica asociada aos metaleiros. Pero «ao final é pura estética, unha forma provocativa de rebelarse». E é que «Elvis Presley tamén se vía coma un ruído satánico», conclúe.
Musicando a Méndez Ferrín
Durante estes cinco anos, a popularidade dos Dioivo foi aumentando pouco a pouco dentro dos círculos locais, nacionais e ata estatais do metal. Pero, coma eles mesmos admiten, «moita xente ten na cabeza o clixé do fulano coa cara pintada e unhas greñas chungas, e esa imaxe adoita causar reparo». Esa barreira derrubárona hai cousa dun mes, coa publicación do seu último sinxelo, Retorno a Tagen Ata. Co gallo do 50º aniversario da emblemática novela de Xosé Luís Méndez Ferrín, decidiron homenaxeala cun tema «progresivo e longo», pero tamén «máis melódico e accesible para o público xeral». Ferrín contribuíu á canción recitando pasaxes do libro, o cal incentivou a promoción do tema. Jacobo considera que «foi a mellor resposta que recibimos por parte do público ata agora». E o que lles queda.
O detalle
¿Cal foi o seu primeiro traballo?
A Jacobo chegoulle a súa primeira nómina tras facer prácticas de verán nun xornal. Dani adicouse a dar clases particulares na sua adolescencia.
¿Unha viaxe que recorden?
En 2017, a banda de black metal Nakkiga convidounos a tocar en Amurrio (Euskadi). Nun polígono industrial en medio da nada, compartiron cartel cos vascos e cos alemáns Rimruna. «Invitáronnos á súa casa coma se fosemos familia», lembran.