Lorena Pérez: «Teño a espiña de non chegar á final e sempre penso que este é o ano»

M. V. F. VIGO / LA VOZ

VIGO

SPORTCOECO

Optimista por natureza, a capitá do Guardés soña con loitar pola Copa da Raíña esta fin de semana

28 abr 2022 . Actualizado a las 10:10 h.

Lorena Pérez (Salceda, 1991) soña con chegar á final de Copa da Raíña de balonmán. A capitá do Guardés sabe que non será doado e que a motivación polas nubes que sinte en carne propia e que percibe, así mesmo, nas súas compañeiras será común aos oito equipos participantes na fase final. Comezando polo seu primeiro rival, o Granollers, mañá. Pero di que sempre é optimista e cre que desta poden logralo.

—Non hai moito que saíu dunha lesión. Chega ao 100 %?

—Foron dous meses nos que apenas puiden facer nada, pero si, agora estou case ao 100 %. Isto é unha proba de fogo, porque se as cousas van ben, serán varios partidos seguidos. Estiven traballando moito este tempo, xa me puiden probar e estou ben, con moitas ganas.

—Como de duro se lle fixo estar tanto tempo parada?

—O peor foi a incerteza. Tiven unha lesión máis longa, pero cando te operan hai un período no que sabes perfectamente que toca agardar e ir pouco a pouco. Aquí foi a cegas, porque fixemos un tratamento conservador e rehabilitación e non sabíamos ben como ía ser. Fíxose pesado, pero parece que todo saíu ben.

—Chegou a temer non recuperarse a tempo para este torneo?

—Non o pensei nunca. A meta era estar. Si que houbo un momento un pouco crítico, porque queres chegar, pero sabes que tes que probarte antes, xa que a Copa non é ningunha pachanga, é unha competición moi esixente. Ao final, puido ser.

—Como ve ao equipo?

—Moi motivado. A tempada é dura, e máis cando levas tantos meses competindo, pero esta é unha semana que esperamos con ganas. Temos moitísima ilusión, o equipo, moralmente, está ao 100 % e fisicamente, igual. Levamos moito traballado e preparándonos para esta cita.

—Que espera do torneo?

—Teño moitas ganas, sempre me quedou a espiña cravada de non poder chegar a unha final e creo que este é o ano. Sempre o penso, son positiva. Temos un equipo preparado para competirlle a calquera, nun partido pode pasar de todo e estamos cun plus de motivación moi alto, é certo que coma todos os equipos.

—No Guardés sempre falan da Copa da Raíña como unha materia pendente, idea que ata transmitiron nun «spot».

—Si. É un título que fai moita ilusión tanto á xente coma ás xogadoras. Hai ansias de facer un bo papel porque, aínda que outros anos tampouco é que estivésemos mal, si quedamos con esa espiña que dicía de facer algo máis.

—O obxectivo é o título?

—O obxectivo de todos é chegar á final, pero sabendo que hai que ir partido a partido e facer un bo papel para meternos. Tamén hai que ser realistas: en 60 minutos pode pasar de todo e ninguén ten nada que perder e si moito que gañar. Son tres partidos duros e esixentes, suponse que estamos os oito mellores da liga e os que cometan menos erros vanse meter. Trataremos de chegar o máis lonxe posible.

—Co Granollers gañaron un partido e perderon outro este curso. Como se presenta este desempate particular entre ambos?

—Nos últimos anos sempre nos estaban tocando os mesmos rivais e o Granollers é un equipo co que non nos enfrontamos noutra competición oficial que non sexa a liga. Este ano gañamos na casa, pero alí complicóusenos un partido no que iamos por diante, escapouse e temos ganas de vinganza. É un equipo que sempre nos pon as cousas difíciles e será bonito e interesante. Sabemos que se non saímos ao 100 % desde o inicio, podemos perder, porque xa o vivimos en liga.

—Que balance fai da tempada ata o de agora?

—Houbo altibaixos, non tivemos moita sorte coas lesións e creo que non chegamos a estar as 16 en ningún momento. Tal e como se deron as circunstancias, creo que competimos ben, o equipo fixo todo o que puido. Houbo partidos que se escaparon pola mínima e que podíamos sacalos adiante, sempre se pode facer mellor, pero forma parte da competición. Agora quedan catro encontros de liga para dar un golpe na mesa e meternos en Europa.

—Dicía que é positiva. Pensa que se van meter en Europa?

—Penso que si. Deses catro partidos que quedan, dous son moi duros na casa, e xogar na Sangriña sempre é facelo cun máis. Somos afortunadas de estar neste pobo no que a xente vive moito o balonmán e sempre empuxan máis alá. Ademais, o Guardés sempre tivo xene competitivo e imos pelexalo ata o final.