Antón de Vicente: «Poucos son quen de voltear unha situación tan dramática»

x.r.c. VIGO

VIGO

Oscar Vázquez

«Cando dependes de ti non debes fallar», di o centrocampista sobre as opcións dun Coruxo que está a un triunfo de disputar o play-off

13 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Antón de Vicente (Vigo, 1989) espera asinar o domingo unha das follas máis especiais da súa dilatada vida deportiva. O capitán do Coruxo lembra que na primeira volta o seu equipo estaba en descenso e agora depende de si mesmo para xogar o play-off de ascenso a Primeira RFEF. Antón considera que son moi poucos os equipos quen de remontar unha situación tan dramática e é dos que pensan que cando un equipo ten na súa man o obxectivo, non pode fallar. A Segoviana é o último escollo nun ano que arrancou torto e que pode rematar do mellor xeito.

—Ao principio de tempada eran candidatos ao play off, logo estiveron en descenso e unha volta despois, están a un partido de xogala promoción.

—Creo que ten moito mérito estar nesta situación. Se miramos onde estabamos tres meses atrás, estabamos coa auga ó pescozo por non descender e dende que chegaron os Montes, a situación cambiou radicalmente. Estamos nunha gran dinámica e se facemos a clasificación dende que chegaron eles, seriamos segundos. O equipo medrou moito ata o punto de chegar á última xornada dependendo de nós para xogar o play-off.

—É dos que pensan que cando se chega á última xornada dependendo dun mesmos non fallas, ou da contraria?

—Cando dependes de ti mesmo non debes fallar, porque depende de ti. Xogamos na casa, o club está intentando que veña moita xente, parece que imos ter un ambiente espectacular e, sinceramente, creo que somos mellor equipo ca Segoviana. Hai que terlle respecto ao rival, pero con todo o que nos xogamos, non se poden escapar os tres puntos do Vao. Hai que apostar forte por esa vitoria.

—Logo de como foi a liga, sería un premio maior do esperado?

—Isto ten un valor engadido. Hai que valorar o que é estar na primeira volta en descenso e moitas xornadas de cabeiro e agora ver esta volta de noz que lle demos á clasificación. Isto ten moito mérito no aspecto futbolístico, pero sobre todo no mental. Fala moi ben de nós o que estamos a facer e moi ben dos adestradores. Poucos equipos son quen de darlle a volta a unha situación tan dramática como a que vivimos.

—Cal foi o punto de inflexión?

—Hai dous. No primeiro partido dos Montes, gañarlle ao Arenteiro foi un, pero sobre todo, o encontro de Avilés, no que gañamos 2-3 no último minuto remontando dúas veces. A partir de aí empezamos a crer en nós. Tamén foi moi importante a volta a Fragoselo.

—Se chegan a estar xogando dende o principio en Fragoselo, estarían loitando polo ascenso directo?

—Creo que si, que estaríamos aí. En Fragoselo é onde adestramos todos os días e sentímonos coma na casa, pero o Pontevedra tamén é un equipo moi forte con máis presuposto e máis recursos.

—A nivel futbolístico, onde estivo a clave do cambio?

—A nivel defensivo. Con Gonzalo faciamos un fútbol espectacular, o nivel de adestramentos era moi bo e creo que é un grandísimo adestrador, pero a nivel defensivo, penalizábamos moito. Os Montes déronlle igual importancia á defensa e ao ataque, intentar ser sólidos, manter a portería a cero e darlle un pouco de ida e volta aos partidos, que fósemos capaces de xogar ao contraataque e iso foi unha das claves. Con esa variante conseguimos xerar moito máis.

—Como ve o partido e á Ximnástica Segoviana?

—De principio, é un partido para non cometer erros no que deben sentir que nós necesitamos os tres puntos e que imos ir polo partido dende o primeiro minuto, non especular. Temos que ser o Coruxo máis que nunca, un equipo ambicioso, con xogo de ataque e sólidos atrás e espero a un rival que vai tentar manter a portería a cero porque a eles co empate válelles para salvarse. Vai ser o típico partido de final de liga con dous equipos xogándose moito e no que pode haber moitos nervios.

—A nivel persoal, para vostede sería un dos mellores logros?

—Para min sería unha das tempadas máis sufridas, pero tamén bonitas do Coruxo polo final que está tendo a liga. Meterse no play-off sería o cumio para unha tempada de menos a máis, no colectivo e no persoal.