«Quero que os nenos escoiten falar de Laxeiro»

VIGO

Guy Bobillo, da compañía Títeres na túa Casa, estrea hoxe Unha noite con Laxeiro

18 may 2022 . Actualizado a las 00:04 h.

Co gallo do Día das Letras e o Ano Laxeiro, Guy Bobillo, da compañía Títeres na túa Casa, presenta hoxe a obra Unha noite con Laxeiro na sede da Fundación Laxeiro. Será a partir das 12.30 horas.

 -Que hai tras ese título?

-É un proxecto que estivo gardado nun caixón dende hai anos, de cando estivera no Marco co primeiro espectáculo dedicado á arte contemporánea. Eu coñecía a obra de Laxeiro e gustábame. Ademais tiña experiencia de adaptar a arte contemporánea a nenos polo que decidinme a botar andar o proxecto.

-Que pasou para que saíra dese caixón?

-O ano pasado, cando me enterei de que a Academia de Belas Artes facía o Ano Laxeiro, pensei que era un bo momento para rescatalo. Falei coa Fundación Laxeiro e lles pareceu unha boa idea. A partir de aí metinlle moitísimas horas para poñelo en marcha.

 -Foi complicado dende o punto de vista tecnolóxico?

-Si e non. A reprodución das personaxes son cadros ou detalles deles. Laxeiro ten unha forza plástica e visual brutal polo que non me fixo falta poñer máis cousas as personaxes, nin modificarlles nada, fun todo o fiel que puiden ser aos cadros. Os cadros con debuxos con volume fíxenos en tres dimensións, e os que non teñen volume fíxenos planos; son un pouco conceptuais, pero fieis aos cados orixinais. Son marionetas un pouco fora do común e iso levoume tempo facerme con eles.

-O público infantil conecta neste tipo de historias?

-Eu pretendo sempre unificar a diversión e a parte didáctica porque esto é contar unha historia para que o neno non se aburra, pero tamén quérolles explicar conceptos básicos da arte contemporánea. No Marco xa fixeramos oito capítulos, o que me deu unha fórmula para meter os conceptos que me interesa destacar.

-Aquí é Laxeiro o obxectivo.

-Si, quero que os nenos escoiten falar de Laxeiro e que lles empecen a soar algúns conceptos básicos no mundo da arte.

  -Canto dura?

-En torno aos 40 minutos, e vai dirixido a un público de 3 a 10 anos, pero eu lle chamo público familiar porque sempre veñen co pai ou a nai, e a eles tamén lle quedarán claros catro conceptos sobre Laxeiro.

-Que tal son como espectadores estes nenos?

-Na miña experiencia o público métese bastante na obra. Nos espectáculos que fago eu nos últimos tempos estamos a marioneta màis eu no escenario e así é máis fácil de interactuar. Neste, eu estou oculto, e distinto porque non os sigues. Neste caso, si quixen, ao rematar, aparezo eu no escenario e repaso os conceptos explicados.

-Terá proxección o espectáculo tras este estreno?

-A idea é darlle saída este ano. Estou tratando de movelo en diferentes instancias.