
Case non hai titulacións específicas de música ou baile galego no conservatorio
26 jul 2022 . Actualizado a las 05:00 h.Cando Sergio, Noemi, Belén e Javier comezaron de cativos no tradicional, quizais non chegaran a pensar que algún día acabarían impartindo clases de baile ou de música neste eido. Aínda que o folclore sexa unha parte moi importante da súa vida, que sempre está presente, a maioría deles compaxina esa ensinanza con outro traballo, xa sexa por necesidade ou porque eles así o decidiron. Pero, pódese vivir de dar clases de música ou de baile tradicional?
A resposta a esta pregunta non é sinxela, e depende en moitos casos das casuísticas persoais de cada un. Noemi Rodríguez, profesora de baile tradicional e mestra de primaria nun colexio, sinala que si se pode vivir de dar clases tradicionais, «pero tes que saber moverte, tes que ser un bo profesional e ao mellor, incluso, ter sorte».
![Noemi Rodríguez. «Moitas veces cando non teño un contrato no colexio é do que vivo [do tradicional]. Para algunha xente é facil vivir disto e para outra xente non»](https://img.lavdg.com/sc/Yte-nyR7pEifV9XXwWmjpaTIc3Y=/480x/2022/07/25/00121658777582850528874/Foto/v13l2518.jpg)
Esa sorte pode que a tivera Javier Pose, unha persoa que conseguiu vivir de ser mestre de baile, aínda que non sen esforzo. Pose imparte aulas en sete centros do sur da provincia de Pontevedra: na cidade de Vigo, pasando por A Guarda, Salvaterra de Miño, As Neves ou Ponteareas. Incluso dentro de cada centro dá clase a varios grupos. Ao comezo foi complicado para el e levoulle «un ano ou dous poder ter unha estabilidade en número de clases, horarios, alumnos, soldos, etc.».
Esa inestabilidade é outro dos grandes problemas destes profesores. Así como a pouca profesionalización do sector. Sergio Martínez, director da sección de baile da ACF O Fiadeiro, que traballa tamén nunha xestoría, indica que se está a buscar «algo que regularice esta situación porque non hai un convenio laboral a nivel tradicional». Un que pode servir de referencia é o convenio colectivo entre o persoal do Ballet Nacional de España e da Compañía Nacional de Danza co Instituto Nacional das Artes Escénicas e da Música.
A profesora de pandeireta Belén Tievo (ademais de teleoperadora) reflexiona sobre a danza tradicional: «Non está regulada e é moi difícil estar nas mesmas condicións que outro tipo de danzas». Porén, Martínez apunta no sentido de que talvez non todos poden vivir do folclore, «como en calquera outro traballo, non todo o mundo que estuda medicina pode ser médico».
Formación para mestres
Para mellorar ese baixo nivel de profesionalización, Belén Tievo suxire a creación dunha escola de mestres. Un lugar no que «persoas cun nivel probado no mundo da música tradicional impartan cursos ou aulas para dar clases». «Dende unha parte técnica, como metodoloxía e didáctica, e tamén formación sobre recollidas», explica Tievo. As recollidas son o traballo de campo que realizan os membros de asociacións culturais que acoden ás casas dos informantes (persoas maiores que aprenderon de novas as pezas e os bailes) para gravalas e despois montar esas pezas nos seus grupos actuais.

Nos conservatorios profesionais de música, as únicas titulacións relativas ao mundo tradicional galego son de gaita e dalgúns instrumentos de percusión. «Se pode haber un currículo de gaita no conservatorio debería poder haber un de baile galego ou de canto e pandeireta. Coas diferentes zonas xeográficas e as diferenzas que temos creo que é moi viable», declara Noemi Rodríguez.
Esta formación para os mestres é un dos obxectivos da Asociación de Ensino Profesional da Música e o Baile Tradicional, un colectivo creado no 2021 para a profesionalización e dignificación do sector. «Dedícase a asesorar, a dignificar e a que nós teñamos un oco no mundo laboral», explica Noemi Rodríguez. A mestra sinala tamén que dende este colectivo trabállase na creación dunha lista de profesores, similar ás listas de contratación da Xunta de Galicia, e «que cada un teña a súa formación, evitando o intrusismo».
Máis recoñecemento social
Un dos aspectos que inflúe na falta de profesionalización ou de recoñecemento desta disciplina provén da sociedade. «Se está titulado e profesionalizado, o público pódelle dar máis importancia que non lle daría ata agora», apunta Sergio Martínez. Javier Pose sinala que «todo o mundo considera que ser profesor de baile é como un segundo traballo, unha axuda, un complemento, como que non o valoran o suficiente». El non entende a falta de estima social da súa profesión: «así como un adestrador de fútbol é unha eminencia, ten un soldo e está moi ben valorado, ao final un profesor de baile non deixa de ser o mesmo». Para Pose, poderíaselle dar máis valor a este traballo a través dos entes públicos «dicíndolle ás asociacións e á sociedade que se deben ter profesores contratados xa que son profesionais igual que outros calquera».

Para mellorar as condicións laborais dos ensinantes, Noemi Rodríguez di que «hai situacións que nós como mestres debemos empezar a frear», como por exemplo o pago en B das clases por parte dalgunhas entidades. «Estase intentando que se poida vivir disto de maneira legal», engade. «Deberiamos empezar nós, os que nos dedicamos en parte a isto, a darlle a importancia que realmente ten», continúa nesa liña Belén Tievo. Sergio Martínez conta que «moitas veces cando coincides con xente que non coñece moito o folclore segue pensando que isto é o de tirirí tirirí», pero «hai unha cultura moi grande e unha docencia detrás». Mentres o convenio do tradicional ou a escola de mestres non sexan unha realidade, estes profesores seguirán loitando por dignificar o seu, que, ao fin e ao cabo, tamén é de todos.