Antón de Vicente: «O problema é na casa e iso fai que sexamos algo febles no psicolóxico»

X. R. C. VIGO

VIGO

Oscar Vázquez

O capitán non dubida que o equipo «daralle a volta e irá para arriba seguro»

01 dic 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Un triunfo en seis xornadas e seis puntos logo de seis partidos como local marcan a irregularidade do Coruxo no arranque de tempada. Antón de Vicente (Vigo, 1989), o seu capitán, ten claro que o problema está no Vao e os malos resultados como local están pasando factura a nivel psicolóxico, pero apostar por reverter a situación o domingo ante o Guijuelo. Non ten dúbidas de que o equipo verde rematará facendo unha boa campaña.

—Cal é o problema do Coruxo neste arranque de liga?

—O problema vén dos resultados na casa. Fóra, o equipo é competitivo e, aínda que vimos dunha derrota en Zamora, foi con boas sensacións e con méritos suficientes para non perder. Creo que problema é na casa e iso provoca que sexamos un equipo algo feble a nivel psicolóxico.

—Chama a atención logo de moito tempo sendo case inabordables no Vao.

—Ata agora, todos os anos na casa estabamos ben, gañabamos os partidos con bo xogo e moitas ocasións e agora mesmos vimos de dúas derrotas ante equipos da zona baixa e cunha sensación non moi boa. Iso está xerando algo de dúbidas que xeran nerviosismo e ese nerviosismo leva a que non sexas quen de remontar e a que cando estás por diante, non manexes o partido como deberas.

—Que sensacións teñen cando xogan como locais?

—Todos os anos o noso fortín é a nosa casa, pero neste caso é máis preocupante, porque a sensación é que non estamos xogando na casa cando estamos no Vao. É unha sensación estraña que afecta máis ao rendemento psicolóxico que o futbolístico e é algo que temos que desbloquear xa, sobre todo a nivel mental. Canto antes lle poñamos solución, antes chegarán os resultados positivos na casa e cos puntos que temos fóra estaría unha situación ben distinta.

—Agora reciben a un galiño como o Guijuelo, igual agora mellor xogar cun dos importantes.

—Nesta situación, dá igual o rival, pero que sexa un de arriba fai que xogues máis concentrado e con máis enerxía. O típico que nos pasa aos futbolistas e que non se entende: que hai partidos que motivan máis que outros. Creo que nesta situación, mellor que sexa o Guijuelo. Se acadaramos tres puntos na casa e logo outra vitoria fóra, o equipo estaría estabilizado e con confianza.

—A nivel futbolístico o equipo tamén se está resentindo?

—Fóra, non, pero na casa, si. Sobre todo porque fóra non temos a obriga de levar a iniciativa e o equipo atópase cómodo, pero na casa, ao levar a iniciativa dende o principio, estanos custando un pouco. Quizais sexa algo a sumar para que na casa nos atopemos mellor, pero estas semanas estamos traballando para darlle a volta a esa situación, ser capaces de levar a iniciativa e tamén de facer transicións ofensivas rápidas. O domingo sería moi importante poñerse por diante no marcador porque o Guijuelo é un equipo que defende moi ben e vai ser un partido de poucos goles.

—A un punto do descenso e a tres do play off, parece que chega o momento de definir en que liga están?

—Creo que estes tres partidos van marcar un pouco o que pode facer o Coruxo nesta tempada. As segundas voltas están saíndo moi boas e se nos achegamos aos de arriba, sería máis sinxelo, pero de perder este partido na casa, sería preocupante, porque logo temos dúas saídas consecutivas co Polvorín e o Oviedo Vetusta. Este partido é necesario gañalo porque nos daría moita confianza para os dous de fóra.

—Están aínda a tempo de todo.

—Eu creo que lle imos dar a volta a situación, porque temos capacidade, temos equipo e temos nivel de xogadores. Tivemos moitas baixas de xente importante ao longo da primeira volta e cando esteamos todos o Coruxo vai ir para arriba seguro.

—Que tal o grupo con respecto ao ano pasado?

—Quizais os equipos de arriba están un pouco máis parellos co ano pasado, hai máis clubs metidos no allo. Creo que o grupo tamén é máis parello na zona media e o nivel futbolístico mantense. Por abaixo non hai ningún equipo que se descolgue como lle pasou o ano pasado ao Ceares. O nivel é moi parello.

—Que tal a nivel persoal?

—Non está sendo a mellor tempada a nivel persoal polo rendemento. Con altibaixos, con partidos mellores e peores, igual arrastrado, sen que sexa escusa, pola paternidade, porque os primeiros meses de pai son duros: non podes durmir todo o necesario non descansas como deberías e iso, no rendemento, nótase. Estou feliz de poder axudar aos meus compañeiros en todo o que podo e de seguir sendo un dos xogadores importantes do Coruxo.