«Hai que preguntarse onde non estivo don Paco ao longo da vida de Galicia durante o século XX»

Jorge Lamas Dono
jorge lamas VIGO / LA VOZ

VIGO

Oscar Vázquez

O autor vigués publica unha biografía sobre Francisco Fernández del Riego, a quen se lle dedica este ano o Día das Letras

10 ene 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

O escritor Ramón Nicolás vén de publicar en Xerais Francisco Fernández del Riego. Vida e obra dun obreiro do galeguismo. É unha aproximación á vida e obra do home a quen a Real Academia Galega lle dedica este ano o Día das Letras, unha homenaxe anual a un escritor galego que inventou o propio don Paco no ano 1963.

—Por que emprega a expresión obreiro do galeguismo?

—Porque a súa figura é fundamentalmente a dun traballador que dende que tiña 18 anos mantén un compromiso activo co galeguismo e o nacionalismo, tanto na época da República como logo, para min a época máis heroico porque é a da resistencia cultural. Foi unha persoa de traballo constante e silencioso. E non quere dicir isto que non fose un intelectual, que tamén o era, pero quería subliñar a súa capacidade extraordinaria de traballo.

—Foi entón unha ponte entre o que había antes do 36 e as posteriores xeracións galeguistas?

—Si. Eu abro o libro cunha cita de Xeús Ferro Euibal: «Na retina de don Paco vense os devanceiros». É clave. Xa nun aspecto persoal, cando coñecín a Del Riego pensei que estaba diante dunha persoa que tiña tratado con Castelao, Risco, Otero, Bóveda, a todo o galeguismo de antes da guerra. E despois, foi unha figura clave na cultura galega do século XX. Ademais tiña unha sensibilidade especial e moita paciencia para transmitir todo o que el vivira. Nese aspecto era moi xeneroso. Ademais foi unha ponte tamén entre o galeguismo do exterior e o interior do país.

—A quen vai dirixido o libro?

—Foi unha encarga de Xerais. E claro, vai dirixido a todo o mundo, pero especialmente a quen non sabe quen era Francisco Fernández del Riego. Si hai engadidos meus máis persoais, como reflexións ou avances de colleita propia, ao que é a vida de don Paco. O máis difícil foi sintetizala porque este home merecía unha biografía de mil páxinas.

—Supoño, porque Francisco Fernández del Riego estivo en todos os grandes feitos do galeguismo do século XX.

—Dende o mitin que deu na súa vila natal en 1931, cando tiña 18 anos, o seu compromiso foi total. Está en todo, nas Mocidades Galeguistas, no Partido Galeguista, No Seminario de Estudos Galegos, Ultreia, na Asociación de Escritores en lingua Galega, estivo como representante galeguista no Estatuto de Autonomía. Foi colaborador en A Nosa Terra, Nós, Alento, etc. E logo, na posguerra está presente en todo o que foi a reconstrución do galeguismo, desde a fundación de Galaxia á creación da Penzol, pasando pola creación do Día das Letras Galegas ou a presidencia da Real Academia. Realmente hai que preguntarse onde non estivo Fernández del Riego. Ata nese tempo estivo dúas veces no cárcere por exercer esa labor de difusión cultural. Arriscou moito da súa propia vida.

—Sempre se lle recoñece a don Paco o seu papel como activista. Pero como é o seu traballo literario?

—Á marxe de todo iso el construíu unha gran obra literaria. Pero esa obra, en gran parte, está enfocada cara ao ensaio, que é un xénero de minorías. Pero é moi rico e valioso porque el, como ensaísta ou autor de libros de crónicas e viaxes ten un estilo propio moi facilmente recoñecible. Eu creo tamén que el sacrificou unha obra creativa de amplo espectro, como pode ser a narrativa, en función de todos eses traballos silenciosos e o traballo de recuperación da memoria. De feito só deixounos una novela, O cego de Pumardedon, e un par de relatos pequenos. Pero si deixou unha grande cantidade de traballos extraordinarios e artigos xornalísticos, como os que fixo durante vinte anos en La Voz.

—Ademais, fixo traducións.

—Si, ademais da súa faceta como ensaísta, narrador e ser un gran orador, Del Riego fixo varias traducións tanto para Galaxia como para a revista Grial. Hai que entender esa labor dende o punto de vista de tratar de normalizar a presenza do idioma galego na literatura coa presenza de textos traducidos. É curioso porque xunto con Plácido Castro mantiveron unha relación coa BBC británica, na que organizaban emisións radiofónicas.

—É certo que recuperou a Cunqueiro para a literatura?

—Si. A Cunqueiro xa o coñecía da mocidade porque el era de Vilanova de Lourenzá e Cunqueiro de Mondoñedo, e ían xunto a examinarse a Lugo. E si foi clave na recuperación de Cunqueiro tras a guerra. Cunqueiro recoñeceu que o Merlín non sería tal se non fose pola insistencia de Francisco Fernández del Riego. Tamén lle pasou con Longa noite de pedra, que apareceu despois dunha reunión entre Del Riego e Celso Emilio Ferreiro escolmando os poemas. Mesmo foi el que suxeriu o título. Incluso detrás dos grandes escritores da posguerra está el como editor, corrector ou incitador. É unha figura total.

—É coñecida a súa figura na actualidade?

—En Vigo, e probablemente na súa vila de orixe, a pegada del está clara porque hai unha memoria viva de don Paco. O que ten que ver co máis da poboación, probablemente non. Este ano, coa dedicatoria do Día das Letras, pode axudar a poñer en valor, xustamente, a súa figura.

—Mantívose en política tras a guerra?

—Nun primeiro momento tratou de reconstruír o Partido Galeguista que non chega a completarse porque Galaxia supón botar a andar un modelo de resistencia de carácter cultural e xa non directamente política. Pero tampouco hai que esquecer que no ano 1963 afíliase ao PSG, militancia que deixou tras a Transición.