Francisco Castro: «Os produtos artísticos teñen a obriga de facer reflexionar a sociedade»
VIGO
No seu último libro, o escritor fala de saúde mental e violencia sexual contra os nenos
13 mar 2023 . Actualizado a las 15:16 h.A historia de Sara é o título do último libro asinado por Francisco Castro. A Editorial Galaxia publica este libro, ilustrado por Luz Beloso, que vai ser presentado o vindeiro martes na libraría Librouro de Vigo.
—Quen é Sara?
—É una cativa de seis anos que non fala logo dun accidente traumático no que morreu o seu pai. A partir dese momento, só fala co fantasma do seu pai. En realidade é Sara quen escribe o libro porque está narrado en primeira persoa, non ten puntuacións, nin liñas de diálogo porque trato de escribir esta historia coma imitando a maneira de falar dos cativos. Repite moito as cousas e pasa dun tema a outro con total naturalidade. A esta nena estalle pasando algo moi gordo, o máis infernal do que lle poda pasar a un neno ou a unha nena dentro da súa casa.
—O feito de ser un libro ilustrado quere dicir que vai dirixido a un público infantil?
—Eu escribín este libro para un público adulto; é un libro ilustrado para adultos. É algo que se fai moito en Francia e en Alemaña, pero que en España non é habitual; hai moita banda deseñada, pero no libros ilustrados para adultos. Eu cando escribo estou interpelando ao lector adulto.
—Pero poderían lelo os cativos?
—Cando Fina Casalderrey e máis eu escribimos O neno can, un libro que ten traducións a idiomas pouco comúns, había moita xente que se estranaba de que fixésemos un libro infantil que falase da prostitución infantil. Fina sempre di que aos cativos se lle pode falar de calquera cousa porque non son parvos o que hai é que buscar a linguaxe. Así que o meu libro está escrito, como dixen, para un público adulto, pero a rapazada vaino ler doutro xeito e tamén vai entender o que lle está pasando a Sara porque son pequenos, pero non son parvos.
—Os seus libros teñen sempre un sentido moi social. Teñen algunha finalidade didáctica?
—Intento que non, pero o resultado está aí. Eu diría que é un acto consciente político e social porque eu non son capaz de facer literatura só entretida, con todo o respecto e o recoñecemento a quen o fai. Eu entendo que quen temos un altofalante como é a literatura, ou os artigos que escribo en La Voz ou as miñas intervención na Radio Galega creo que temos unha certa obriga de que os nosos produtos artísticos poñan o dedo nas cuestións que creo que a sociedade ten que reflexionar. Neste libro falo da saúde mental infantil e tamén da violencia sexual contra os nenos e as nenas, e alguén podería dicir que deses temas feos mellor non sería, pero creo que a literatura si ten que ocuparse deles.
—Como foi a coordinación coa ilustradora Luz Beloso?
—Como é un texto moi especial, eu sabía que necesitaba unha ilustradora moi especial por iso falei con Luz. Ela díxome inmediatamente que si, pero eu lle dixen que era mellor que lera o texto antes. Chamoume esa mesma noite e díxome que estaba moi emocionada e chorara moito lendo o texto. Se o libro termina sendo unha pequena alfaia será, sobre todo, polo traballo dela. Foime amosando bocetos de como quería levar o tema. Un dos personaxes é un fantasma, algo que non é doado de representar. Eu fun vendo as ideas que ela tiña, fómolas comentando e unha vez que tiñamos máis o menos claro cal era a música que queriamos xa foi o seu traballo. Quedou realmente espectacular.
—Escoitei que anda metido nun proxecto como músico?
—Sempre quixen ser músico, pero non tiven valentía para facelo. Agora aos meus 56 anos estou rematando un disco. Vai ser un disco moi ambicioso, no que participarán músicos de primeira liña e con composicións propias. Dende rock ao funky e en galego. En maio ou xuño estará rematado.