La Voz de Galicia organiza unha exposición, ao carón da Fundación Penzol, sobre a vida do intelectual a quen se lle dedica este ano o Día das Letras
16 may 2023 . Actualizado a las 18:46 h.«Francisco Fernández del Riego está moi dentro de nós porque comezou a colaborar no xornal cando tiña 30 anos e se mantivo aí ata o 2010, cando faleceu; foron 67 anos de relación que deixaron unha pegada enorme», dixo Xosé Luís Vilela, director de La Voz de Galicia, para explicar o alcance do vínculo existente entre o xornal e a figura a quen a Real Academia Galega lle dedica o Día das Letras 2023. A reflexión foi feita durante a inauguración da exposición que se poderá ver ata o vindeiro sábado na céntrica praza da Princesa de Vigo, a carón da Casa Galega da Cultura, o lugar de traballo de don Paco durante moitos anos.
«Queremos traer a esta praza algo que lembre o seu paso polo xornal e por Galicia», engadiu Xosé Luís Vilela ante a xente que acudiu á inauguración. Alí estaban o alcalde de Vigo, Abel Caballero; a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva; o secretario xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo; a delegada da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias; e o delegado da Zona Franca, David Regades. Pero, ademais da parte institucional, tamén acudiron ao acto familiares de Francisco Fernández del Riego e persoeiros do mundo da cultura, como a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, ou o editor Bieito Ledo.
O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, cualificou o homenaxeado como «o pulmón e músculo da cultura galega na segunda metade do século XX», e destacou o seu papel no proceso de edición de Longa noite de pedra, de Celso Emilio Ferreiro; na ordenación da obra conxunta de Ricardo Carvalho Calero; e no apoio que lle brindou ao seu amigo Álvaro Cunqueiro. O presidente da Academia recordou o papel xogado durante moito tempo por Francisco Fernández del Riego como ponte co exilio americano, co que mantivo un contacto permanente. «É difícil entender o século XX sen el», afirmou Víctor F. Freixanes.
Pola súa banda, Xesús Fraga, premio nacional de Narrativa, xornalista de La Voz e autor do libro Francisco Fernández del Riego: a tinta de Galicia, subliñou que o patriarca da cultura galega representaba a esa Galicia que entrega ao mundo o mellor que ten e que tamén colle do mundo o máis valioso para significar con iso a idea do galeguismo universalista que a xeración de don Paco tomou como bandeira. Nese mesmo aspecto incidiu o director de La Voz de Galicia: «Fixo transversal o galeguismo», concluíu Xosé Luís Vilela.
Abel Caballero agradeceu que a mostra axude a lembrar a don Paco
«Quero felicitar a La Voz de Galicia por esta iniciativa, xa que, a través desta exposición, volve don Paco aquí», afirmou Abel Caballero, alcalde de Vigo, no acto de inauguración que tivo lugar este luns na praza da Princesa da cidade. O rexedor vigués destacou a importancia do espazo onde se desenvolve a mostra porque é a porta de entrada á casa de don Paco. «Por aquí hai que vir para estudar unha época de Galicia, e temos que mantelo para sempre», manifestou o alcalde vigués.
A esa mesma casa acudiu no ano 2004 Xesús Fraga para coñecer a experiencia de Fernández del Riego e Álvaro Cunqueiro cando viaxaron a Londres no transatlántico Monserrat. Aquela hora e media larga de conversa quedou gravada e acompañará o libro que sairá o mércores con La Voz de Galicia.
O acto en lembranza da memoria de Francisco Fernández del Riego rematou cunha interpretación moi singular e emotiva do Himno Galego feita polo artista vigués Eladio Santos. O compositor e membro do grupo Eladio y los Seres Queridos levou o seu estilo característico de fraseo á letra de Pondal.
O público asistente ao acto puido xa coñecer o contido do libro Francisco Fernández del Riego: a tinta de Galicia, ao ser agasallado cun exemplar da obra que sairá para o resto dos galegos o mércores co cupón do lombo do xornal e 1,95 euros