Brais González estrea composición no concerto do Día das Letras

Jorge Lamas Dono
jorge lamas VIGO / LA VOZ

VIGO

Maximino Zumalave dirixe, no Teatro Afundación, a Real Filharmonía

16 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

O Teatro Afundación acolle, a partir das 20.30 horas, o concerto do Día das Letras que organiza o Consello da Cultura Galega. Será unha actuación especial, non só porque é unha homenaxe a Francisco Fernández del Riego. Tamén porque os asistente poderán escoitar por vez primeira unha peza composta polo vigués Brais González.

É unha encargada do Consello da Cultura Galega, entidade presidida por Rosario Álvarez. «O protagonista é a palabra; potentes e vencelladas á cultura galega. Fixen unha pequena sinfonía, chameina por iso Sinfonietta, que inclúe unhas melodías populares moi vinculadas a don Paco, e dous poemas de Xaime Isla Couto e Salvador García Bodaño». Deste xeito, explicaba a súa obra o compositor Brais González cando foi presentado o concerto.

Vai ser estreada a nova composición pola Real Filharmonía de Galicia, dirixida nesta ocasión por Maximino Zumalave. Participará neste concerto o Coro de Cámara Rías Baixas, dirixido por Bruno Díaz.

A entidade presidida por Rosario Álvarez encargoulle a Brais González unha peza con Francisco Fernández del Riego, persoeiro ao que este ano a Real Academia Galega lle dedica o Día das Letras, como eixe. «Dende hai 13 anos organizamos este recital na véspera da celebración e sempre facemos unha encarga musical a partir dunha peza literaria do autor elixido; nesta ocasión, a obra de Del Riego non é lírica, así que optamos polo feito de que foi unha persoa moi querida e homenaxeada en vida por moita xente», afirmou durante a presentación do concerto Álvarez. Así que desta volta a petición pivotou en torno a senllos poemas de García Bodaño e Isla Couto, e da composición titulada A miña burriña, moi do agrado de Fernández del Riego, quen dicía que era a súa melodía favorita. «O coro canta en bloque e a orquestra non é especialmente solista porque o importante era o conxunto da sociedade», apuntaba González, cando presentou o concerto o Consello.

O programa terá dúas pezas máis co fío condutor da propia vida e personalidade de Francisco Fernández del Riego. «Xunto a Alejo Amoedo eliximos Suite Vigo, de Reveriano Soutullo, e o Concerto grosso de Jesús Bay y Gal. Os dous son compositores galegos aínda que situados nas antípodas un do outro», explicou Maximino Zumalave hai uns meses.

Quen non teña entrada para acudir en directo ao concerto, pode seguilo a través da páxina web do Consello da Cultura Galega (consellodacultura.gal) e mañá pola segunda canle da Televisión de Galicia.