Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Xerais reúne a trinta e oito autores en torno a «Miño»

VIGO

É a segunda entrega dun proxecto bibliográfico dedicado ao relato galego

01 jun 2023 . Actualizado a las 12:37 h.

O relato galego, materializado no libro Miño (Xerais), reúne a varios escritores, en boa parte residentes en Vigo, cuxos textos foron coordinados por Xosé Manuel del Caño e presentados por Rexina Vega, autora do limiar. Algúns dos seus protagonistas reuníronse en Vigo para falar deste gran proxecto dividido en tres entregas.

«Trátase dun proxecto aberto, integrador, que tende pontes a diferentes autores, estilos, xéneros literarios e sensibilidades. Polo tanto, a publicación de cada volume non queda pechada en si mesma. Este proxecto naceu cunha clara vocación de continuidade. Fisterra. Relato curto en Galicia (Linteo, 2022) foi o primeiro chanzo. A Antoloxía do relato galego actual. Miño (Xerais) tómalle agora o relevo. E no último trimestre de 2024 sairá un novo libro, con 21 relatos, tamén a cargo de Xerais, baixo o nome doutro topónimo ou elemento xeográfico importante de Galicia», explicou Del Caño.

«Ven de nacer Miño, ese río que nos leva cara a un mar de incertezas, como é o noso futuro: o propio e o da lingua, guiados ambos pola persistencia do país ou a súa negación como entidade propia. Nace coa ilusión dos torrentes, con esa forza indómita de quen ten unha estrela na fronte, a mesma que nos guía para insistir no empeño de fluír, malia os obstáculos que se opoñen ao noso avance», sinalou Xavier Queipo durante a presentación do libro na cidade da oliveira.

Pola súa banda, Fina Casalderrey fixo fincapé no contido «Velaquí 38 historias, 38 homes e mulleres que ofrecemos un anaquiño de nós para encher de caudal o percorrido no que atoparemos historias de guerra, de amor e de humor, de memoria histórica e memoria, de reivindicación, tenrura, poesía... en voces novas e non tan novas, femininas e masculinas... Os contos salvagardaron en tempos difíciles a lingua, a literatura oral termou do idioma», afirmou Casalderrey.

Antonio García Teijero afondou, durante a súa intervención, na diversidade dos relatos. «Hai en Miño moita diversidade tanto formal coma temática. Enfoques narrativos ben diferentes, técnicas variadas e voces que ofrecen a riqueza narrativa dun modelo literario, o relato curto, que pide paso con insistencia no escaparate da nosa literatura. Unha literatura que contou sempre con magníficos exemplos deste xénero -Fole, Dieste, Cunqueiro, Ferrín, Casares, Neira Vilas…- e que, polo visto neste libro, a calidade do xénero está garantida», sinalou o poeta. 

Tamén acudiu á presentación de Miño a escritora An Alfaya, que afirmou: «O libro vertebra relatos que agroman dun sentimento de pertenza a unha paisaxe emocional común: Galicia. Narracións telúricas que amalgaman voces diversas unidas polo amor á palabra como ponte e canle de comunicación interxeracional sobre un río caudaloso e fértil».