O Teatro Salesianos acollerá mañá a estrea musical do autor vigués
27 oct 2023 . Actualizado a las 05:00 h.Francisco Castro, ata hai uns días director xeral de Galaxia e prolífico autor literario, se estrea mañá como músico no Teatro Salesianos de Vigo ás 20.30 horas. E di que non é unha excentricidade e que vai ter percorrido.
—Toca con púa ou sen ela?
—No concerto vou usar tres guitarras. Coa acústica e a española toco sen púa, pero coa eléctrica si que a uso. Sen ela llo deixamos para Mark Knopfler.
—Onde lle ven a súa afección pola música?
—De sempre. A literatura era o meu plan b vital. A música era o plan a. Ata os 22 anos compuxen moito, pero era o momento da Movida e a min se me daba por letras moi transcendentes. Aparquei iso e centreime nos libros, e non teño queixa.
—E que pasou agora?
—Pois agora que xa teño unha idade provecta, decidín dar o paso porque se non o facía agora xa non o faría. E aí está o resultado.
—Non lle valía amosarse como músico senón que o fai ao grande, cunha gravación internacional, e moitos colaboradores. Foi ese o plan inicial?
—Foi aparecendo. Coa pandemia, púxeme a compoñer. Un ano despois, Federico Welicki, amigo meu dende hai moitos anos e home importante na música, pediume que llas dese a escoitar. Para miña sorpresa, na xurrada de cancións que lle enviei, viu que había algunhas que lle gustaban moito e coas que poderíamos comezar a traballar.
—Que pensou?
—Deume a confianza necesaria para tomarme o asunto máis en serio. Houbo un momento no que nos decatamos que poderíamos acometer a preparación dun disco. O que tiña eu claro é que non ía ser unha trapallada; se eu saía, tiña que ser cunha produción de primeirísimo nivel, con músicos de primeirísimo nivel e o disco tiña que ser redondo na produción. De feito, a gravación nos levou 18 meses.
—A música é diversión ou un xeito de comunicación persoal?
—É unha faceta máis da miña condición de creador. A literatura é un traballo moi individual e a música, unha actividade comunal. Todo o disco é obra miña, pero logo necesitas ós músicos que che fan ver que unha canción hai que acelerala, que aquela necesita metais. Así que é un exercicio máis comunitario e debo dicir que probablemente moito máis gozoso que a literatura.
—Entón os arranxos foron unha labor colectiva?
—A obriga do compositor é facer boas cancións, pero, a partir de aí, empeza a traballar un produtor. Por exemplo, un día Paul McCarney aparece con Yerterday, unha canción que toca cunha guitarra. Pero agora xa somos incapaces de imaxinala sen os arranxos de corda que ten, e iso fíxono George Martin, o produtor dos Beatles. O produtor é que fai o envoltorio, pero a última palabra sempre a ten o compositor.
—Que vai atopar a xente que acuda ao concerto?
—É un disco enérxico e honesto dun creador que neste momento pensa que ten algo que contar sobre a sociedade e sobre o amor. É un disco de rock and roll con algunha balada ben cuidade. As influencias nas letras son claramente Aute, Leonard Cohen ou Dylan, e nas músicas The Beatles, rock dos sesenta e cousas máis actuais, coma Offspring.
—E de Galaxia que me di?
—Falamos outro día.