Uxía Vázquez: «As tartarugas recollidas nos últimos anos botan un mes defecando plástico»
VIGO
O lixo no océano e as capturas accidentais de mamíferos mariños están provocando cifras récord de varamentos; «chegan á costa a quinta parte dos que morren no mar»
14 ene 2024 . Actualizado a las 00:53 h.As mesmas bolsas de plástico que transportan o peixe do supermercado son, á vez, envase e alimento para moitas especies mariñas. Os científicos da Cemma (Coordinadora para o Estudo de Mamíferos Mariños) encárganse da recuperación de exemplares varados vivos, pero tamén das autopsias dos grandes mamíferos mariños mortos que o mar expulsa nas praias galegas. En ambos casos hai un elemento común: os plásticos. «Non son plásticos que se boten noutros océanos ou continentes, son envases de xeados ou de viño nos que se pode ler a composición da bebida. A oceanógrafa Uxía Vázquez (Vilagarcía, 1995), vicepresidenta da Cemma, garda os exemplares dos envoltorios para amosalos nos centros educativos nos que imparte charlas.
Ela, que foi unha nena que descubriu os varamentos con 10 anos, mentres veraneaba en Ribeira, sabe que hai leccións que nunca se esquecen. Por iso, nas visitas escolares peneiran cos nenos area que recollen previamente nas praias. «Calquera area, de calquera praia, é suficiente para comprobar que hai plásticos. Cando poñemos un pé na costa para ir a un varamento, é todo plástico». Esta cuestión que agora é asunto prioritario para os gobernos pola crise dos pélets, leva anos sendo un dos principais problemas para os científicos que estudan o ecosistema mariño.
«As tartarugas que recollemos nos últimos anos pasan un mes defecando plásticos de todos os tamaños. Os zifios ou cachalotes aparecen con grandes bolsas no estómago que inxiren porque se parecen á súa comida. As quenllas peregrinas van coa boca aberta filtrando auga e sempre teñen algo de plástico», explica a graduada en Ciencias do Mar. Nos casos máis graves, este lixo provoca a morte por oclusión do sistema dixestivo. «Chegamos a atopar un zifio con sete quilos de plástico do estómago».
Outro dos fenómenos que estuda Vázquez é o aumento dos varamentos de cetáceos. Solo no 2023 a cifra aumentou ata os 715 casos na costa galega. Só neste Nadal, na Cemma contabilizaron un centenar de exemplares que apareceron mortos nos areais. «Chegan á costa a quinta parte dos que morren no mar», explica, de aí que se acendan as alarmas para entender que lles pasa a estes golfiños e arroaces, pero tamén outras especies en risco de extinción. «Se non facemos algo, as toniñas desaparecerán en 20 anos», di.
As especies están mudando o comportamento, en parte, polo aumento de temperatura da agua do mar. Os golfiños concéntranse máis nas bocas das rías, nun territorio no que compiten cos arroaces. «Ao estar preto da costa teñen máis probabilidades de caer nas redes de pesca». As capturas accidentais non están penadas, pero os científicos da Cemma piden ó sector que informe cando se produzan. «Sabemos que interaccionan coa pesca porque aparecen coas colas cortadas, que é o xeito de liberalos das redes cando están mortos».
Lobos de mar trabados por cans
Unha das situacións máis curiosas das que se ten atopado Uxía Vázquez nas praias son lobos mariños con mordeduras de can. Nesta tempada, as crías que viaxan preto da costa galega dende Bretaña ou o Reino Unido poden subir á area das rías a descansar da súa longa viaxe. «Coidado con levar o can solto na praia nesta época. Pode ser un can adorable, pero se se atopa cun lobo mariño, haberá problemas». Non menos agresivos son os humanos que se empeñan en facerse fotos cos exemplares que chegan extenuados aos areais. «Algunha vez tivemos que pedir nos concellos que acordoaran a praia».
Cando as crías non queren volver ao mar, a Cemma encárgase da recuperación destas especies no centro de Nigrán e nas instalacións do Instituto Galego de Formación en Acuicultura (IGAFA), na Illa de Arousa. Hai exemplares que quedan na retina dos científicos, como o lobo mariño Guardesiña: «Deixábase facer de todo. Cando embarcou para ser liberada no Gran Sol, moitas compañeiras quedaron chorando no porto. É imposible facerlles seguimento». Agora hai cinco tartarugas en recuperación; deberían comezar a entrar nas rías en marzo, movidas pola corrente do Golfo, pero as augas máis cálidas dos últimos anos fan que se sintan cómodas na costa e acaben capturadas polos barcos dende novembro.
Uxía Vázquez non esconde a dureza dun oficio no que hai moitos días malos. «É un traballo fermoso, pero hai que ir continuamente a analizar animais mortos por causas non naturais. É duro atopar unha cría de lobo mariño chiando porque lle acaba de morrer a nai e non pode sobrevivir. Hai veces que non podemos intervir. Metemos a man na boca e se non ten dentes, non podemos facer nada». Non convén que estes mamíferos salvaxes pasen a depender a longo prazo da especie que está a comprometer a súa supervivencia.
A súa canción
«A mazurca do vello», de Atlántica Vapora Orquestra. «Empecei a tocar a zanfona con 12 anos, primeiro foi a música, logo o mar. Parte da miña familia son acordeonistas. A miña banda é unha orquestra que fai música mariñeira en Vilaxoán, Vilagarcía. Esta canción importouna o meu bisavó de Arxentina».