Carmen Prelchi: «Non temos que fiarnos do partido da primeira volta»

VIGO

XOAN CARLOS GIL

A xogadora viguesa de Porirño ve moi ben ao equipo, pero sabe que non será fácil gañar ao Guardés na Sangriña; a vindeira tempada, ela xogará en Elche

14 mar 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Carmen Prelchi (Vigo, 1999) vive os seus últimos meses no Porriño, pois porá fin a unha etapa de dúas tempadas para probar sorte no Elche. Di que foi unha decisión difícil e proclama que, antes de marchar, quere aproveitar ao máximo e conseguir os mellores resultados posibles co equipo. Empezando polo derbi fronte ao Guardés.

—Como chega o Porriño á cita fronte ao Guardés?

—Penso que chegamos nun bo momento. Era un obxectivo estar moi ben a partir de xaneiro, porque sabiamos que viñan moitas cousas seguidas. E creo que o conseguimos, os resultados están acompañando.

—Como valora a tempada que están facendo?

—A pasada xa moi moi boa. O Porriño leva anos, como club, apostando bastante e o traballo que fai Isma (Martínez, o técnico) de análise e preparación penso que é magnífico. Ademais, o equipo está cohesionado, estamos todas moi contentas co grupo que temos e todo iso está a reflectirse noutra tempada moi boa.

—O partido de ida, no que gañaron, serve de referencia nalgunha medida?

—Os derbis sempre son diferentes e non temos que fiarnos do partido da primeira volta. Entran en xogo aspectos emocionais e temos que intentar afrontalo tranquilos, confiando e intentando disfrutar.

—Impón xogar nun pavillón como a Sangriña?

—Sabemos que é un pavillón complicado, con moita afección, pero tamén é bonito vivir un partido desa maneira.

—É áinda máis especial ao ser vostede unha xogadora galega?

—Si. Ao final, os derbis son partidos que miraba desde pequena e son especiais. Fan moita ilusión.

—Como está vendo ao Guardés este curso, por detrás do seu equipo?

—Xa o ano pasado estivemos por diante, rematamos a liga regular por diante delas. Penso que este ano deron un cambio en moitas cousas con respecto ao anterior, en modelo de xogo, xogadoras... E acertaron bastante. Melloraron o nivel, evolucionaron no seu xogo e tamén están facendo unha tempada moi boa. Son fortes na casa, moi competitivas contra todo o mundo. Ademais, o novo formato está a facer a liga moi bonita, practicamente en ningún partido se pode saber a priori quen vai gañar.

—Así que tampouco haberá favorito para o derbi.

—Nos derbis é complicado que os haxa. Non é un partido máis e penso que gañará o que máis concentrado estea e saiba aproveitar mellor as situacións do xogo.

—Cal é o teito desde Porriño?

—A verdade é que non o sei. Agora chega o momento no que a competición nos porá no noso lugar. Queremos seguir pasándoo ben xuntas, que é unha cousa que estamos facendo toda a tempada, e a ver ata onde chegamos.

—Xa se anunciou que xogará no Elche a vindeira tempada. Decidiuse pola proposta ou tiña a sensación de ciclo rematado?

—Foi unha decisión difícil de tomar. No Porriño estou moi a gusto, agradecida por estes dous anos, e sinto que é a miña casa. Pero a proposta era moi boa e decidín probar unha nova experiencia. De todos os xeitos, iso é de cara á vindeira tempada e estou moi centrada aquí, en seguir disfrutando e rematar o máis arriba posible. Unha das cousas máis bonitas desta etapa está sendo o ben que o pasamos xuntas grazas ao bo grupo que temos.